Santa Rita, Rita, Rita?o que se da non se quita. Así di o refrán e así son as cousas por Valencia. Imos por partes. Empecemos pola elección de Rita Barberá como senadora. Non foi elixida por ir nas listas do partido, foi por designación autonómica. Foi o parlamento valenciano quen a mandou ao Senado. O Partido Popular, o Partido Socialista, Podemos e Compromís tamén mandaron ao seus senadores. Hai que preguntarse como é que Rita chega a ser elixida. A ela só a votan os 31 deputados do PP. Por que todos os que agora se tiran dos pelos non votaron en contra dela? Pois, moi sinxelo, votaron polos seus representantes. Porque todos querían ter o seu senador no Senado. Por iso, Rita, chegou a Madrid. Feita esta aclaración hai que dicir que o primeiro erro o comete a propia exalcaldesa de Valencia, ao querer seguir en política despois de trinta anos. E, claro, como se temía que ía ser investigada, pois mellor aforarse. Por certo, isto do aforo merece un artigo aparte, porque da moito de si. Sigamos con Rita. Agora que, case con toda probabilidade, será encausada, ao PP entráronlle as presas. O de Soria e o de Rita en pouco máis dunha semana é demasiado. O caso é que ela deixa o partido, pero non o seu escano. E aí, o partido da por pechado o tema. Pero non é así. Soraya se lava as mans, como Pilatos, e Rajoy di que el non é quen para dicirlle nada a Rita. A ver. O escano é da persoa. Ben, pero dicirlle algo si que pode. Ata hai uns días era o seu presidente. O que ocorre é que Mariano débelle moito a Rita. Naquel Congreso de Valencia, Rajoy, decidiu dar un paso á fronte e facer un limpado de persoas moi achegadas a Aznar e á súa maneira de entender o partido. Foron Soria, Alonso, Camps, etc., os encarregados de ir liquidando aos aznaristas e de alisar o camiño de Rajoy cara a Moncloa. Rita, organizou todo aquilo. É lóxico que Mariano non queira mollarse no asunto. Explicado todo é cando o refraneiro entra en xogo. Santa Rita, Rita, Rita?o que se da non se quita. E isto é o que pensa Barberá. A ela o parlamento da súa comunidade entregoulle un escano e é seu. Pero, insisto, é necesario que Rita se enfangue por ese escano? Ten pasta dabondo e tivo cargos dabondo no partido e nas institucións públicas, é que non é quen de facer outra cousa? Hai vida máis aló da política. Tampouco ten senso que se empeñe tanto no do aforo. Se a condena que lle pode caer, se lle cae, vai ser pequena. É un branqueo de pouco diñeiro. Pero é unha muller moi teimuda e testán. Cun carácter máis que forte, imposible. Non dará o seu brazo a torcer. Ademais, como case sempre sucede cando un perde poder, os conselleiros que arrodean a un non acostuman a dar bos consellos. E ela pasará os días desolada, pensando niso de que "el que fue a Sevilla perdió su silla".