Non é doado escribir sobre os Premios Nobel. Tanto ten que sexan de Literatura, de Ciencia ou da Paz. Sempre encontraremos motivos para non considerar axeitado a designación dun gañador. Hai casos ben chamativos. Barack Obama recibiu o da Paz e non propiciou Paz ningunha. Fixo un discurso cargado de boas intencións no Kairo e a vivir. Hai que recoñecer que o discurso quedoulle moi xeitoso. Hai quen tamén pensa que darllo ao presidente Santos de Colombia, logo de perder unhas votacións sobre a Paz, pois non deixa de ser algo irónico. No caso do Premio Nobel de Literatura, sacando algunhas excepcións, sempre se levanta algunha polémica coa decisión do xurado escandinavo. Un ano toca un escritor en inglés, outro en francés, outro en español e así sucesivamente. Tamén está o tema da raza. Un ano ten que ser negro, outro branco, outro chinés, e así sucesivamente. Xa van anos nos que os nomeados pasan cada vez máis desapercibidos para o gran público. Tan só os lectores e lectoras habituais, prestan atención a este evento. Esta vez, os suecos, quixeron outorgarlle o premio a un cantautor. Bob Dylan. Supoño que se buscou darlle un toque de modernidade aos premios. Aínda que isto non sexa tan moderno, os poetas grecolatinos se acompañaban en moitas ocasións de instrumentos para glosar os seus versos. Ata Nerón, aquel psicópata con ínfulas de poeta, empregaba unha lira para acompañar as súas deleznables composicións poéticas. Leonard Cohen, comentou que "darlle o Nobel a Dylan, era como poñerlle unha medalla ao Everest". En tan alta estima ten o canadiense ao estadounidense que, a nivel creativo o coloca á altura da montaña máis elevada da terra. Sen embargo, Leonard Cohen poidera ser máis merecedor do galardón literario que o seu amigo e colega. Porque ademais de compoñer cancións, é un brillante poeta e un narrador nada desprezable. Lembrar os seus libros de poemas A enerxía dos escravos, Libro do anceio, Flores para Hitler, Parásitos do paraíso ou A Caixa de especias da terra. Lembrar os seus títulos narrativos como Fermosos perdedores ou O xogo favorito, ou tamén o seu libro salmódico e ateigado de reflexións O libro da Misericordia. Si, Cohen, sempre quixo ser poeta. Desde o momento que mercou unha casiña na illa de Hidra nos anos sesenta e se retirou aló a escribir os seus poemas. A literatura é a súa verdadeira paixón. Moito máis sentida que a música ou a pintura. Claro que a sona deulla o feito de ser un cantautor, mais el xa editaba poemas e gañaba premios literarios antes que compuxese os seus grandes éxitos. Se cadra, se quixesen ser xustos os suecos, deberían terse acordado antes de Leonard que de Bob. Pero os Nobel son así. Á fin Jacinto Benevente recibiu un. Tocaba lingua española ese ano e el enredou todo o posible porque fose o seu nome o que levase as de gañar. Agardemos que este premio a Dylan non sexa un pistoletazo de saída para o triunfo da mediocridade, porque de ser así, axiña veremos como Sabina gaña o Cervantes.