Todos os anos, polo menos cando me acordo, na última columna fago un repaso aos acontecementos que nel sucederon. Mesmo, cando era máis novo e entusiasta, mes a mes. Para rexistrar 2016, non obstante, non me chegaría este espazo que graciosamente me cede LA OPINIÓN, nin a páxina enteira, nin un suplemento de festas e desgracias. Si que se podería resumir nunha frase: 2016 ratificou definitivamente a Lei de Murphy: todo o malo que podería pasar, pasou. Aínda máis, tamén probou a Lei de Finagle sobre a Negatividade Dinámica (tamén coñecida como Corolario de Finagleá Lei de Murphy): algo que pode ir mal, irá mal no peor momento posible.

Empezando polo de aquí, o ano pasado a estas alturas estaba pensando en como explicarlle aos futuros netos, ou aos fillos se se deixaban, da importancia do momento histórico. Por primeira vez na restauración democrática de finais do século XX (esa sería a lección anterior), habería no goberno do Estado unha alianza de esquerdas. Ben, xa saben como acabou o partido. Igual que o Real Madrid-Deportivo, con Mariano Rajoy no papel de Sergio Ramos (símil que de seguro lle encantaría), pero sen épica nin esforzo ningún pola súa parte, e como se os do Deportivo, en vez de deixar a pel, se puxeran a discutir entre si no canto de defender o córner. Claro que tal e como logo viñeron as cousas, cun golpe de estado ao PSOE ao máis puro estilo bananero (presión externa e complicidades internas), e con Podemos practicando o stalinismo cursi, xa estou dubidando se o histórico sería a ocasión ou o rebumbio.

Fóra producíronse uns fenómenos, o Brexit e Trump (de momento), que, modestamente, xa se tiñan dado aquí. O de votar para amolar xa se fixo con Ruiz Mateos. O de facer unha campaña a base de mentiras é unha tradición hispana que se perfeccionou nas galegas de 2009. Non digo que os votantes desas alternativas non defenderan co seu voto os seus intereses, digo que as opcións que escolleron tiñan un discurso público coa mesma veracidade que as fotografías deses anuncios de contactos de internet que che ofrecen solteiros e solteiras da túa localidade. E a moitos votantes, sabéndoo, non lle importou. Aquí tivemos o caso de Jesús Gil. Ao seu lado, Donald Trump é unha mestura de Olof Palme e Konrad Adenauer. Gil era o responsable da morte de 57 persoas, unha persoa que estafou á cidade que gobernaba e ao club que presidía, e que se nonestivo en prisión máis aló duns días é porque en España presidir un club de fútbol e contar cun equipo de avogados que dilaten os procesos sálvate ata de rexentar un campo de concentración (ben, aquí diso non te acusan).

En 2106 morreron Bowie e Leonard Cohen (afortunadamente, non Neil Young), descubrimos que George Michael estaba vivo, e Bibiano foi incapaz de resistirse a subir a ese escenario. Pero todo iso non é nada en comparación do drama que nos chama as portas, por terra e por mar. Metemos lume no formigueiro do Oriente Próximo e queremos que as formigas paren quietas. Estamos en plena demostración do Corolario de O'Toole á Lei de Finagle: a perversidade do Universo tende cara o máximo.