Alguén non lle dedicaría ao tema nin unha liña... pero hai que facerlle fronte a un presente que reclama gastos de mantemento e sementa ideoloxía.

No mausoleo franquista de Cuelgamuros a megalomanía tenta apoucar á razón. A violencia física e moral alardea entre a arquitectura e a relixión pra apoucar os sentidos. Fanática, visceral obra, espada do xeral cravada no corazón das Españas, con sedutor afán propagandístico. En todo prima un concepto de uniforme, enmedallado de escudos, en desfile militar e co que, en gran formato quere marcarse o estilo dun réxime totalitario.

Megalomanía semellante non e nova, tamén moveu a faraóns, a emperadores, a tiranos ou a papas para perpetuar a súa memoria e o seu afán conquistador. Que facer con tanta momia e reliquias de espíritos vixiantes para uso e abuso de poder: criptas, mausoleos, reliquias baixo carcasas de sorprendentes templos? Pois desactivalos, "quitarlle bicho" que confronte.

Detrás desas grandes obras está un déspota e os seus aduladores servidores, construtores de torres, castelos, pazos, catedrais e panteóns. Na contemporaneidade, Italia e Alemania, sábeno ben, velaí entre tanta reliquia do pasado o delirante musoliniano Eur de Roma ou a cidade modélica do orgullo nazi, Nuremberg... Non é un debate único para o Estado Español. O tema atinxe a todo país onde houbo algún xeito de feudalismo. Bibliografía sensata e teses abundan sobre a ética e a estética nazi, sobre os delirios do fascismo e do franquismo. Monumentos anubrando o racionalismo, o funcionalismo, a arquitectura de vangarda.

Resulta difícil desactivar unha obra consagrada deica a náusea, cargada con teimosía de simboloxía e fanatismo partidario, imperial, querer facela compatible con canto significa democracia e tolerancia. Aínda que todo facer e desfacer é posible cando quere e sabe o ser humano que aplica razón e humanismo, que vence convencendo fronte a barbarie. Sabendo que, ao cabo dos anos e máis aínda dos séculos, as alucinacións esborrallanse en arqueoloxías, tan atractivas turisticamente. Nesta España, "reserva espiritual" non son moi diferentes en ética e estética ao Valle de los Caídos os monumentos dos Reis Católicos en Toledo, Burgos, Valladolid, o delerio de Felipe II pra grella manierista do Escorial... obras feitas por quen practicou a limpeza de raza, a eugenesis, amasadas con sangue de escravos e roubos na busca dun "Orden Nuevo".

O panteón de Cuelgamuros foi delirio persoalísimo do Generalísimo, a idea orixinal, a elección do lugar, o programa, o constante diálogo cos arquitectos e demais artistas corrixindo e facendo propostas. A idea estaba clara: "faro para los espíritus", escola, monasterio, seminario, novo punto de peregrinación para afervoar no bando do nacionalcatolismo golpista.

Todo está nesta construción medido simbolicamente: na proximidade e rival co Escorial, que significaba a "grandeza do pasado" , construído en esencias de pura arquitectura horizontal, clasicista hispana, edificada sobre o cagadeiro das aguias imperiais e no corazón de Iberia. A grandiosa catacumba de Culegamuros será coma a espada da nova cruzada, cravada como un "faro de futuro": "Gran obra del espíritu... para acoger a los caídos por Dios y por España", "por Dios y por España". Monumento e seminario para enxalzar a vitoria "por la Gracia de Dios", iniciado rematada a guerra contra a democracia, no 1940, inaugurado o 1 de abril de 1959, tras anos en roldas continuas, mesmo de traballos forzados pra presos de guerra. O papa Pío XII instaura a abadía beneditina, bendice e eloxia a Franco e as súas obras. No 1960 a igrexa recibirá a categoría de basílica.

O máis grandioso hipoxeo, escavado no Valle de Cuelgamuros del Jarama, sobre o Risco de la Mata. Onde a porticada Plaza del Homenaje actúa como punto de encontro e da acceso á igrexa subterránea, de 300 metros de longa por 17 de ancho e no fondo, no corazón do monte a cripta, cruz de corredores cos nichos dalgunhas vítimas do millón de mortos da guerra. Na outra vertente do monte está o Convento-Cuartel, conxunto rodeado por un viacrucis que culmina coa gran cruz de 150 metros de alto.

No 1942 xa se estaba desbastando o monte, perfilábanse os planos e as maquetas, deseño dos arquitectos Pedro Muguruza Oyarzabal, Muñoz Salvador, Diego Méndez... E algúns arquitectos, apegados ao goberno, sentiron frustración por non ser chamados. Igrexa nunha banda do monte e na outra a abadía e a Escola para estudos sociais. Conxunto ao que se acede tras a avenida flanqueada polos monolitos dos Juanelos, que foron deseño do enxeñeiro renacentista Juanelo Turriano, columnas, parte do trebello para a subida da auga do Teixo a Toledo. Na base da cruz os catro evanxelistas, as Virtudes... sobre o pórtico da Basílica a imaxe en pedra basáltica da Piedade, obra do escultor Juan de Ávalos, agora en ostentoso deterioro. Na entrada a reixa de José Espinós, a unha e outra banda ringleira de esculturas das virxes,"padroas" dos exércitos e entre elas tapices do Apocalipse, modelo dos que Carlos V, naquel Segundo Reich europeo, mandou deseñar. A gran cúpula cuberta con mosaicos que representan o Xuízo: á destra do Cristo os vencedores, capitaneados polo apóstolo adaíl Santiago; á sinistra os derrotados... obra do mosaista catalán Santiago Padrós. No altar a escultura do Cristo, da autoría de Beovide, sobre a cruz dun piñeiro, dis que pinchado polo mesmo Franco.

O proxecto sobranceiro máis atrevido e máis fachendoso é a cruz que da cimo ao cerro, concurso no que, entre outros, participan arquitectos de nome, como Fernández Sahaw, Ricart, Olasategui, Feduchi, García Lomas. Prefírese e execútase o proxecto de Huidobro, Moya e Manuel Thomas.

As obras en si, anque empachen de connotacións provocadoras, non teñen culpa e menos os condenados a facelas, singulares artesáns e artistas. Están feitas e convén descargalas de toda couza de guerra, de divisións entre vencedores e vencidos, de odio. A cuestión está en saber contrastar alí mesmo, a modo de lección, as "dúas Españas" que fixeron a guerra. O fin é que os novos españolitos entendan que o gran logro da humanidade é a palabra, a solidariedade, a arte, a tan predicada, por uns e por outros a concordia e a paz.

En moitos cemiterios, campos de concentración e monumentos nazis que foron da Segunda Guerra Mundial, ensínase e propágase esa sinxela e tan necesaria lección e principio básico "Endexamais á explotación dun ser humano por outro ser humano". Parte da Historia que non se debe borrar interesadamente, como fixo e a inda segue a facer toda irracionalidade.