Se o pasado luns convideinos a unha viaxe polos cinco continentes, hoxe, e seguindo con oso agosto literario, co noso verán entre escritores, quero convidalos e convidalas a que gocen do talento do grupo Olladas, un grupo de escritores e escritoras, integrado maioritariamente por persoas con discapacidade visual, pero que está aberto a calquera ser humano que teña a inclinación amorosa pola escrita. Hoxe lerán, respectivamente, relatos de Mar Dumont, Ana Docampo e Cristina Lago. A II Guerra Mundial, o amor e os últimos días de vida a escena.

Tora, Tora, Tora!

Mesas repletas de tazas de porcelana con exquisito e aromático té engalanaban a cuberta daquel maxestuoso barco, pola que centos de mariños vestidos coas súas mellores galas paseaban entre risos, lucindo orgullosos as súas medallas, como si se tratase dun desfile militar. Ao fondo, uns músicos afanábanse en afinar os seus instrumentos. O comandante en xefe apareceu entre a multitude e foi recibido cun fervoroso aplauso. Ninguén coñecía o motivo daquela festa, pero todos sabían que aquel home era o anfitrión. Os invitados empezaron a tomar o té e a charlar animadamente, esperando que nalgún momento a gran incógnita se desvelara. O almirante mirou o seu reloxo xusto no preciso momento no que a terra retumbou e unha gran nube negra empezou a xurdir moi lonxe no ceo, sobre aquela pequena illa de Hawái...Yamamoto, sorriu coa mirada. Impasible, sen permitir que o seu rostro delatara ningunha emoción, fixo un sinal erguendo con firmeza a man e a banda comezou a tocar para sorpresa de todos. Un grumete, demasiado mozo para encher o uniforme que levaba, palideceu e se achegou nervioso ao almirante, atrevéndose a preguntar que era todo aquilo cun fío de voz.

-Un secreto, rapaz. Non podía dicir nada -respondeu o almirante sen quitar a vista daquela nube negra-. Era unha sorpresa!

Risos

Contáranlle que para namorala tiña que facela rir, pero cando o conseguía o que se namoraba era el.

A xubilación

Catro vellos sentados ao pé dunha árbore preto dunha obra falan de que facer co tempo que lles queda de vida. Tras un rato de charla chegan á conclusión de que, despois de pasar tantos anos traballando, o que lles toca agora é vivir o tempo que lles queda cunha copa de viño na man e un rock and roll na memoria.