A voz é o instrumento máis humano da orquestra da vida. E por riba, é o máis rico e con máis gamas cromáticas. Marina de la Peña era consciente de que isto era así e de que ela posuía un instrumento privilexiado para a locución e a interpretación. Mais, Marina, sempre será recordada, por aqueles que fomos tocados coa fortuna da súa camaradaxe, polo seu "eterno humor e a súa sinxeleza". Deste xeito, a definiu o seu amigo e compañeiro de traballo na dobraxe, Roberto Reboiro. Posuidor tamén dunha extraordinaria voz, Marina, miraba á vida abertamente. Fuxía dos seres escuros e grises. Sempre procuraba a luz e ela mesma irradiaba luz. Tiña un timbre de voz limpo, fresco, pleno de ledicia. Non falaba, nin locutaba dun xeito impostado. Era tan natural diante dun micrófono como na vida. Cando interpretaba un papel en dobraxe, Marina imitaba todos os acenos da protagonista da película. Se aquela sufría tortura, Marina era tamén torturada; se o personaxe se namoraba, ela tamén. Era unha magnífica actriz radiofónica e unha excelente intérprete de lecturas dramatizadas. Como dicía María Romero "non existen os actores de radio ou de dobraxe, de teatro ou de cine, existen actores". E Marina era unha actriz de altura e unha locutora brillante e popular. A súa simpatía facía que fose admirada e querida por milleiros de persoas anónimas que epataban con ela sen coñecela nin saber nada sobre a súa existencia privada ou a súa maneira se ser fora do micrófono ou dos platós de televisión. Marina os engaiolaba coa súa voz e co seu sorriso radiofónico que a tantos de nós acompañou. Compañeira en RNE e nesa fermosa artesanía que é a dobraxe, Marina de la Peña, sempre estivo presente na miña vida: primeiro como oínte e despois compartindo micrófonos e atril. O meu recordo máis persoal é o recitado que xuntos fixemos dun poema de Álvaro Cunqueiro. Foi unha honra para min. Un documento sonoro que, se cadra, alguén aínda conserve gravado nunha vella cinta, ou que, probablemente, se perdese como outros tantos tesouros polas navegacións tormentosas das ondas hertzianas. Marina de la Peña, sexa para ti esta oda escrita e pintada, que a medida que ía escribindo tomaba os tons, os sons e as profundidades da elexía. A voz é o instrumento máis humano da orquestra da vida. Aló, onde agora residas, canta, sorrí, interpreta, navega polas artes do alén como nunca antes o fixeches. Es a "mariña sonora" que adoraría pintar Lugrís. Ata sempre, alegre tonalidade que acendeu as nosas vidas.