A finais do ano 2010, o dúo formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández decidiu editar o álbum Arrolos de Salitre coa clara intención de dar a coñecer a noves voces dentro do panorama musical do país. Nove cantantes aparecían nesa obra amosando ao público as súas calidades vogais. Tres deles, Uxía Cribeiro, Carlos Álvarez e Diego Calviño, estarán acompañándoos no escenario do teatro Rosalía o vindeiro venres para realizar un pequeno concerto dentro da gala de entrega dos XII PREMIOS OPINIÓN. Guillerme Fernández coméntanos as sensacións que teñen antes de facer o recital.

-Que representa para vostedes poder tocar nun teatro con algúns dos artistas que participaron no álbum?

-É a primeira que facemos algo así oficialmente. Nun concerto en Vigo actuou con nós Diego Calviño, pero logo nunca tivemos a oportunidade de poder estar enriba dun escenario cos cantantes. Polo tanto será unha oportunidade especial para confrontar co público algunha das pezas incluída na obra. Tanto para eles como para nós é un luxo poder tocar nun teatro ateigado de público e será un reflexo do que quixemos facer co disco.

-Que vai achar o público nas pezas a interpretar?

-Son tres das voces do disco máis arraigadas na tradición e iso vaise notar nas pezas que van interpretar. Farán pezas tradicionais e a única composición vaina cantar Xabier Díaz co tema Gaiteiros de vainilla, que se sae do ton tradicional e amosa outra parte estilística do álbum, que conta cun abano amplo de rexistros.

-Xabier e vostede xa son músico experimentados, mais como afrontan os seus compañeiros de actuación enfrontarse en público a un teatro cheo?

-Eles víveno cunha mestura de sensacións, Por unha banda senten certo respecto e responsabilidade e por outra é unha ledicia poder cantar nese lugar. Será un pracer compartir escenario con eles.

-Nos últimos anos están a xurdir voces masculinas na música de raíz galega e na súa participación contarán con tres homes cantando.

-Ata hai uns anos no noso país existía unha preponderancia de voces femininas. É un bo sinal que saian á luz voces masculinas, xa que os homes sempre cantaron. É normal que iso teña o seu reflexo nos escenarios e nos discos.

-As pezas a interpretar soarán como no álbum ou farán algún arranxo diferente?

-Fixemos o disco coa idea de poder defendelo logo en directo como dúo co acordeón e a guitarra e, polo tanto, imos ser bastante fieis á gravación.

-Xabier e vostede forman parte do cuarteto aCadaCanto, co que son finalistas ao mellor tema orixinal e co que recentemente realizaron dous recitais en América. Como foi a acollida naquelas terras á súa proposta?

-Sempre tes unha certa incertidume do que vai acontecer, pero vimos moi satisfeitos. En Montevideo tiñamos un público máis nativo e respostaron de marabilla e en Bos Aires contamos con bastantes galegos entre os espectadores e as emocións que se respiran no ambiente son diferentes. Ademais gustounos tocar nun belo teatro como o Avenida. Creo que foi unha xira importante para o grupo e deixamos a porta aberta para voltar xa que dende alí tiñan interese en contar con nós, aínda que as dificultades para actuar veñen do alto custe que supoñen os desprazamentos dos músicos.