O programa Sopa de Festa de hoxe á noite na Televisión de Galicia (TVG) estará centrado na xornada gastronómica e festeira da XXIV edición da Festa da Xouba de Rianxo, unha das citas imprescindibles do calendario estival na península do Barbanza. Despois de tantas edicións, os rianxeiros están afeitos a recibir milleiros de turistas e a gozar da degustación das xoubas nas dúas variantes de cociña máis coñecidas: fritidas e acompañadas con cachelos e pementos de Padrón, ou en empanada.

Por outra banda, tamén hoxe, os Larpeiros da TVG comezarán o programa cunha conversa animada sobre a maternidade e os primeiros días de crianza dun cativo. Falarán de tradicións, non tan antigas, coma a de regalarlle á nai unha galiña para cociñar un bo caldo, unha libra de chocolate, ou unhas galletas e unha botella de Sansón.

Para cumprir o antollo de Merchi de comer pescado ao forno, don Benigno proporá cociñar rodaballo desta maneira e acompañalo con arroz con algas, alimento que lle dá un sabor agradable ás comidas e que debe empregarse en pequenas cantidades. Para conseguir as algas, Adrián terá que achegarse ata Esteiro, á beira da ría de Muros, onde se reunirá con Fermín para recoller este ingrediente. Desta volta, o larpeiro viaxeiro terá que mergullarse e percorrer as rochas para atopar as prezadas algas.