Cúmprense cen anos de que un mozo Albert Einstein vise publicada unha das obras coas que revolucionou o mundo científico. Na primavera de 1917 saía do prelo Teoría da relatividade ( Über die spezielle und die allgemeine Relativitätstheorie). Desde entón, sucedéronse máis de 407 edicións e a tradución a varias linguas. Agora tamén en galego grazas ao Consello da Cultura Galega (CCG). Onte, o presidente da institución, Ramón Villares, canda os dous responsables da publicación, Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros, presentaron a edición galega que inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego. A obra pode descargarse de balde desde o web consellodacultura.gal.

A publicación desta obra forma parte dunha aposta que o Consello da Cultura Galega está a facer pola presenza da lingua galega na divulgación científica que vai desde a edición de cómics, xornadas ou o proxectos web como o Álbum da ciencia. Ademais, afirmou o presidente Ramón Villares, "é outra forma máis de demostrar que o galego non é unha lingua poética senón completa que é capaz de soster calquera disciplina". Nesta liña incidiu tamén o físico Jorge Mira, quen sinalou que "esta obra emblemática tiña que estar en galego".

A edición en galego foi realizada a partir da primeira alemá de 1917 por Patricia Buján Otero e con revisión científica de Jorge Mira. A fonte de referencia empregada para esta obra foi a copia dixital publicada en liña polo Max Planck Institute for the History of Science (Berlín). "Tiñamos claro que tiña que ser a primeira, xa que non contén engadidos nin anotacións posteriores" explicou Mira.

A obra inclúe tamén dous estudos, un de Jorge Mira, que sitúa a obra no seu momento, e outro de Francisco Díaz-Fierros, que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega. "Albert Einstein modificou o século XX", afirmou na súa intervención Jorge Mira, quen debullou a relevancia tanto do texto e do interese de Einstein de dar a coñecer os seus achados dunha forma comprensible.

O físico Albert Einstein visitou España en febreiro de 1923. E isto tivo impacto na cultura galega por moitas vías. Disto dá conta o estudo que elaborou Francisco Díaz-Fierros, que recolle desde fotos en que o famoso físico aparece con algún galego, como o compostelán Rodríguez Carracido, daquela reitor da Universidade de Madrid; ou os artigos que Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba publicaron en El Diario Español ou El Sol. Precisamente, Camba aproveitou a visita para facer crítica da sociedade española: "¿Que el tiempo no existe de por sí, en términos absolutos y como tal tiempo? ¡Si lo sabremos nosotros, señor Einstein! El tiempo no existe porque los españoles lo hemos matado".

Pero hai moitas máis referencias do impacto de Einstein e os seus achados na cultura galega. Dunha banda entre a comunidade científica, como os matemáticos Juan Durán Loriga, David Fernández Diéguez e Ramón Aller ou o médico Roberto Nóvoa Santos que referenciaron no seu traballo as teorías de Einstein. Da outra, entre creadores novos como Rafael Dieste, Otero Espasandín ou Manuel Antonio que, alén da súa creación artística, tamén compartían unha acusada afección polas matemáticas. Na presentación, Díaz-Fierros incidiu na repercusión que Einstein tivo na vangardas artísticas e literarias galegas ao lembrar que "Manuel Antonio dedicoulle unha poesía completa á teoría da relatividade".

A presentación desta nova publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada, polo profesor Francisco Díaz-Fierros que neste mes de xuño deu a coñecer outras dúas publicacións: dunha banda Os comezos da química moderna en Galicia e a súa proxección no século XIX. Bicentenario da fundación do Colexio de Farmacia de Santiago de Compostela (1815-2015) e, da outra, Textos científicos en galego.