O Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mailo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia renovaron o acordo para continuar cos programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas, co fin de axudar a mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como a desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico. Un total de 250 centros escolares colexios e institutos de toda Galicia beneficiaranse este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos.

Este acordo enmárcase na liñas da Consellería de Educación para promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre o estudantado galego. O programa Navega con Rumbo, que xa vai pola súa sétima edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias. É dicir, por unha banda está encamiñado aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais e profesores das recomendacións e que actúen como correa de transmisión.

A outra das iniciativas, Programación nas escolas renóvase por cuarto ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares no pensamento computacional e na programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que os rapaces aprenden a programar.