Rosa Cedrón e Pili Pampín serán as estrelas convidadas ao Bamboleo desta noite na Televisión de Galicia (TVG). A cantante e violonchelista traerá baixo o brazo o seu segundo traballo en solitario Nada que perder do que interpretará o tema Benditas Feridas, mentras que Pili Pampín porá o público a bailar coas cancións Porque te quero e Trapalladas. Ademais, a Orquestra Televisión amenizará a velada coas súas versións das cancións que máis soan nas verbenas como La Bicicleta.

Xosé Manuel Piñeiro conducirá tamén as seccións habituais do programa. En Agora ou Nunca, bateranse dous participantes, Manolo Castelo, que interpretará El Rey de Vicente Fernández, e Toni Pérez, que cantará Como yo te amé, de Vicente Fernández, mentres que na ITV do amor, o obxectivo será acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa. A A Jrileira enfrontará ao karaoke a dous concursantes, Montse e Rubén; en Canción dedicada, Rosa Cedrón interpretará o tema Unha e outra vez para dous namorados, Carmen e Manolo de Brión, e, en Dirtidansi, as parellas invitadas bailarán chachachá e bachata.

'Aquí Galicia', en Lalín

Por outra banda, e coincidindo coa afamada Festa do Cocido, Aquí Galicia achégase hoxe ata Lalín, onde os reporteiros do programa aproveitarán para percorrer algúns dos lugares turísticos e espazos naturais da vila, como o Museo Etnográfico da Casa do Patrón.

Ademais, o programa estará na Primeira Mostra da Camelia de Lalín e falará dalgúns dos persoeiros nacidos no concello como o aviador Joaquín Loriga, o científico Ramón María Aller Ulloa ou o matemático José Rodríguez González. O espazo da Televisión de Galicia (TVG) tamén amosará como se prepara unha comparsa para participar no gran desfile do Entroido de Lalín, e mergullarase na comarca do Deza, unha das grandes produtoras de mel de Galicia.

O protagonista do apartado gastronómico, como non podería ser doutro xeito, será o cocido tradicional, aínda que de sobremesa haberá doces de Entroido. O equipo do programa asistirá a unha demostración gastronómica organizada con motivo da Feira do Cocido. Por outra parte e coma cada sábado, no Aquí Galicia haberá moita música. Neste caso a cargo da orquestra Miramar e do grupo canario Arena. O acento galego porano as cantareiras do grupo O Carballo da Manteiga, o grupo tradicional Os trasnos de Doade e o grupo de baile Punteirolo. Do baile moderno encargarase a Academia de danza moderna +Qdanza, que realizará dúas coreografías de street dance.