Máis aló de quen foi culpable da falta dun acordo que permitise un Goberno alternativo ao do PP tras as eleccións de 2015, cumpre hoxe calibrar as opcións que se abren ante a presentación da moción de censura polo PSOE. Naquel intre, tanto PSOE como Podemos pensaron que ían ter mellores resultados nunhas segundas eleccións, pero o PP saíu reforzado tras do 26-X. Agora, a aritmética parlamentaria limita os apoios a recibir pola candidatura socialista a dúas posibilidades: Por unha parte, a suma dos votos de Ciudadanos máis os do PSOE e Podemos abondaría para o trunfo da moción; pola outra, serían necesarios os do resto dos partidos da oposición (todos nacionalistas).

Sen embargo, C's non quere sumarse a esta iniciativa para botar ao PP fóra do Goberno, pois as enquisas danlle excelentes expectativas cara a unhas novas eleccións e non lle interesa que o PSOE poida trocar estes prognósticos facendo unha xestión eficaz do país. Ademais, os nacionalistas esixen contrapartidas para dar o seu apoio difíciles de cumprir. E Podemos, que nun principio ofreceu o seu apoio incondicional, agora chámase a andanas cunha consulta ás bases fóra de tempo.

Este novo Goberno podería sacar adiante as máis urxentes das 44 iniciativas lexislativas parlamentarias paralizadas polo PP: ampliar permisos de paternidade, fomentar o autoconsumo eléctrico, derrogar a Lei de Educación, a lei mordaza ou a reforma laboral, e, aquí en Galicia, transferir a AP-9 á Xunta. Incluso podería sacar adiante unha reforma da normativa electoral (que tanto pedían Podemos e C's) para permitir un reparto dos escanos máis proporcional que o actual, igualando así o valor dos votos de todos os cidadáns e limitando as chantaxes das minorías de determinados territorios.