La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Carmen Cotelo Autora e actriz na obra ‘As Mapoulas’, que se estrea o domingo no Colón

“As anarquistas das Atochas deron a vida por compromiso”

“Lembrar a súa historia é un acto de responsabilidade coa desmemoria”

A guionista e directora Carmen Cotelo. | // CARLOS PARDELLAS

Carmen Cotelo é guionista, directora e actriz da obra teatral As Mapoulas, centrada na figura da cenetista coruñesa Alicia Dorado, morta nunha redada de falangistas en 1937 en Atocha Alta xunto coa súa parella e unha compañeira. A obra, cuxo título lembra ás anarquistas de Monte Alto, desenvolveuna Laboratorio Escénico e estréase este domingo ás 20.00 horas no teatro Colón.

Como se achegou a esta historia?

Contáronma cando colaboraba en Proxecto Cárcere, e hai catro ou cinco anos empecei a indagar. Nesa época empezamos a homenaxear ás mulleres libres de Monte Alto todos os 10 de xullo, cando entraron en varias casas matando a todas.

Chamábaselle xa mapoulas ás anarquistas na época?

Si, hai unha revista que se chama Mujeres Libres que xa chama mapoulas ás mulleres das Atochas e Monte Alto. O nome ten moita simboloxía: a flor ten un vencello histórico coa liberdade, é libre, narcótica, xorde en diferentes lugares e cando lle peta. Son arrincadas polos agricultores porque consumen os nitratos do trigo, a cebada... E despois da Segunda República foi considerada a flor da reconciliación e da memoria, en Roma eran consideradas xurdidas das bagoas da deusa [Venus]...

Na Coruña a CNT tivo historicamente moita importancia e era maioritaria no sindicalismo.

O movemento anarquista tivo moita importancia en toda Galicia, pero especialmente na Coruña. Coñecelo fíxome tomarlle máis cariño a esta cidade. Na obra enumeramos moitísimas destas mulleres, pero toma a referencia de Alicia Dorado, que era a máis nova, e vese como unha vida con todo o futuro por diante pódese esnaquizar nun instante.

Na obra hai tres actores.

Somos dúas Alicias, unha que vive o 10 de xullo desde a mañá ata que entra a bridagilla en torno ás 10 da noite, e desdóbrase en outro personaxe que conta os feitos. Tamén está Xullo, a parella de Alicia, que á súa vez xa era viúva doutro represaliado asasinado. El non fala na obra, faino a través dun saxofón. A obra colle un referencial histórico, pásao por un mundo de ficción e de cando en vez trasládao á realidade.

Que representa coa figura dunha muller anarquista?

Podía contar a historia dela como doutras moitas mulleres, porque as mulleres son as grandes proscritas da Historia. Tiñan igual de claro a súa militancia ou compromiso que os homes, pero durante moitísimos anos non se falou delas. Na obra plantexase que pasaron á historia como putas, cando deron a súa vida por un compromiso real. Todas elas eran moi pobres. Na obra falo da pobreza, e ao tempo, da dignidade, a militancia, a claridade de ideas, a importancia que tiña a comunidade, o apoio mutuo... Descubrilas foi moi importante na miña vida.

Que lle ensinou ler sobre a vida destas persoas?

Eu estou moi vencellada ao mundo asociativo, creo firmemente no ben común, nos barrios, nos pobos, na reconciliación familiar, pero ademais, para min, este é un acto de resistencia ao fascismo e de responsabilidade coa desmemoria. Unha sociedade desmemoriada tende a repetir constantemente o mesmo.

Pensa que se poden sacar leccións destes personaxes para hoxe?

Poñelo en dúbida... Primeiro, era xente dun compromiso absoluto: sabían que podían morrer eestaban dispostos, tiñan clara a súa responsabilidade. Era xente que vivía en comunidade, en casas abertas, os demais eran moi importantes para eles. Tiñan moi claro que tiñan que combater e que as mulleres tiñan que ser iguais aos homes e loitar polos seus dereitos. E as mulleres eran moi loitadoras: na obra hai un mitin no que Alicia rífalle aos seus compañeiros, que ás veces cometen o erro de pensar que as mulleres están mellor na casa que fóra dela.

Empezaron Laboratorio Escénico en 2019. Como é o proxecto?

É unha cooperativa de traballo asociado, que creei nun principio con Alba Fernández e á que se incorporou hai máis de seis meses Alejandro Varela. Adicámonos a formación, investigación, difusión e distribución de teatro, danza e música. As nosas creacións son case sempre multidisciplinares. A pandemia foi un desastre para nós, non houbo subvencións directas ao arte, pero xa sacamos dúas obras antes de As Mapoulas e pronto estrearemos outra.

Compartir el artículo

stats