La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xustiza e reparación, medio século despois

As mulleres do 10 de marzo reciben honras na cidade na que moitas estiveran na cadea en 1972 pola súa loita pola liberdade

As mulleres do 10 de marzo, onte, na Reitoría. | // CARLOS PARDELLAS

Sari, Fina, Josefa, Rosa, Marisol, Manuela, Carmen e outras oito arribaron este xoves á Coruña por motivos moi diferentes aos que as levaban, hai 50 anos, a traspasar as fronteiras do municipio. Agora, como homenaxeadas e protagonistas. Hai medio século, como represaliadas do franquismo, na procura de amnistía para os seus compañeiros na loita ou detidas, en dirección ao cárcere da Torre. “Aquí viñamos todos os xoves e todos os domingos para a prisión. Un itinerario forzado e doloroso. Hoxe, as mesmas institucións ante as que pedíamos liberdades recíbenos con honra. Iso quere dicir que pagou a pena”, sinalan. Un triunfo non por tardío menos reconfortante.

As mulleres do 10 de marzo en Ferrol foron condecoradas coa distinción de Republicanas de Honra de mans da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Antes, foron saudadas e recibidas na Universidade da Coruña, no Concello e na Deputación. Tamén visitaron o Pazo de Meiras. Unha xornada caracterizada pola emoción e que lles fixo lembrar a todas os temores daqueles días terribles.

“Había moitísimos detidos cada día. Viviamos co medo a que viñesen ás nosas casas. Saías e non sabías se ías volver ao día seguinte. Non precisaban nada para deterte: cando o xuíz dicía liberdade, volvía a policía e te metía para dentro”, conta unha delas, Ánxela Loureiro, a máis nova do grupo e a encargada de manter vivo o recordo do facer das súas compañeiras no libro Voces da memoria con ollos de muller. Porque aínda non se contou todo, ou, pensan, non o suficiente.

Ferrol, 1972. Dous nomes estaban a piques de pasar á historia pola máis triste das razóns. Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores do estaleiro de Bazán, caían abatidos a tiros pola policía franquista no medio dunha protesta pola mellora das súas condicións laborais. O legado do seu sacrificio quedaría impreso alén das décadas na memoria da clase obreira galega, pero non todos os implicados nas conquistas posteriores tiveron a graza da pervivencia. Foron, sobre todo, elas. A súa resistencia invisible foi recoñecida por primeira vez en Ferrol en 2018, cando a entón edil de Igualdade, Saínza Ruiz, logrou que se lles concedese o Galardón Internacional das Mulleres.

Hoxe seguen procurando un lugar na historia. A de Fina e Sari, presas no cárcere da Torre. A de Josefina, exiliada forzosamente. A de Manuela, sancionada por non deixar entrar á policía na súa casa. A da propia Ánxela, que loitou pola liberdade do seu pai, irmán e tío, na cadea polo mesmo.“Non queremos que ese labor quede no anonimato. A xuventude ten que ter referentes mulleres. Temos que ser capaces de sacar á luz que houbo grupos de mulleres nas manifestacións, repartindo propaganda, facendo actividades para lograr un cambio de réxime,”, reclaman. Unha demanda que pelexaron dende moitas frontes. Algunhas, organizadas politicamente na clandestinidade. Outras, dende o compromiso militante da cotiandade. Todas, en definitiva, unidas tras dun mesmo fin. “Algunhas militabamos en organizacións, pero outras eran amas de casa, que fixeron unha labor importantísima, agocharon ás persoas perseguidas nas súas casas. Nunca se vangloriaron, son persoas moi humildes que pensan que non merecen eses méritos. Hai que convencelas de que si”, reivindican.

As quince mulleres que visitaron onte a Coruña son, diante de todo, memoria viva dun Ferrol que nada ten que ver cos tópicos que sitúan a cidade naval como afecta ao réxime. As mulleres do metal reivindícanse, tamén, como a clase obreira que son e foron. “Non estabamos dentro das fábricas, pero formabamos parte da clase obreira. Ferrol sempre estivo na vangarda da loita, por iso o réxime dispara e asasina aos traballadores”, defenden.

Compartir el artículo

stats