La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Tamara Canosa Directora e escritora de ‘Amantis’, que se estrea o sábado no Colón

“Ser adolescente é infinitamente máis doloroso que antes”

“As redes sociais traducen en estatísticas o amor que os demáis senten por ti”, declara Canosa, que estrea ás 20.30 horas do sábado no Colón Amantis. Selfis, sexting e outras formas de amarse

A dramaturga Tamara Canosa, directora e escritora de ‘Amantis’. | // L. O.

Tamara Canosa (A Coruña, 1983) foi actriz en series como Mareas Vivas e Valderrei, e en películas como Heroína, Pradolongo ou Vilamor. Agora, como parte da compañía Rebordelos, estrea ás 20.30 horas do sábado no Colón Amantis. Selfis, sexting e outras formas de amarse, da que é directora e coescritora con Xacio Baño. Nesta reflexión dunha hora sobre as redes e a adolescencia, Roque Ruiz interpreta a un mozo de clase traballadora que quere ser influencer.

Por que un só actor?

Porque se algo son as redes sociais, é unha persoa cun móbil. En realidade, está soa? É unha das preguntas da obra.

A protagoniza un adolescente.

Cremos que se hai un cambio de paradigma agora é a fenda que se abre entre os nativos e os nono nativos dixitais. A miña adolescencia foi completamente diferente ás de agora, porque estas están atravesadas, para ben e para mal, polas redes. E se hai unha etapa determinante para definir a identidade, esa é a adolescencia. O smartphone sae en 2008, e agora estamos ante a primeira xeración de nativos dixitais con pais que non o son. Aí hai un choque, un cambio que non estamos de todo preparado para afrontar como pais e nais.

Por que?

Porque cambia toda a forma de relación. Interesábanos abrir ese melón, intentar entendelo. Teño un neno de dous anos e medio, e ves que todo vai tan rápido... Estes rapaces afrontan unha realidade totalmente diferente. Como influirá todo isto en eles? Non só a nivel sociolóxico, senón que teñen outros recursos a nivel case neurolóxico, con isto da multipantalla e o hiperestímulo.

Cal debería ser o enfoque das xeracións máis vellas?

O que intentamos tratar na obra é non ter unha ollada de xuízo nin de prexuízo, senón de intentar entender. Estou convencida de que hai cousas moi boas: é unha xeración máis tolerante, permeable a realidades non normativizadas, que teñen máis próximas ao estar máis conectado. Nese sentido danos moitas voltas á nosa xeración. Cousas malas? Ao final, as redes sociais son empresas con intereses, que queren que esteamos sempre insatisfeitos. Non son só espazos de comunicación, senón de venda, e ás veces o que estamos en venda somos nós. É unha xeración que é bastante consciente de todas estas trampas, aínda que non sexa tan doado saír delas. As redes están tan presentes nas súas vidas que non é doado abstraerse.

Outras xeracións tiñan a posibilidade de equivocarse na adolescencia sen que quedara gravado.

Todo o que fas e o que che pasa deixa unha estela. Non quixemos darlle un grande protagonismo ao acoso cibernético, aínda que está presente, pero ser adolescente agora é infinitamente máis complicado, conflitivo e doloroso que na miña xeración. Se o instituto non era seguro para ti, marchabas e tiñas unha desconexión que agora non existe. Agora é todo máis intenso e ten un amplificador máis grande. É unha xeración que o ten especialmente difícil, con crise climática, económica, coronavirus... Ten todas as trabas e este universo estalles dicindo todo o tempo que sorrían.

O protagonista quere ser influencer, co que esto supón non só nos cartos, senón na autoestima.

Nas redes hai algo de contabilidade: traducir en números e estatísticas o amor que senten os demáis por ti, un ránking luminoso no que tes que intentar superarte. Son os códigos das tragaperras e videoxogos; é esa lóxica e estímulo de condicionamento positivo. Nas xeracións non nativas dixitais, para ben ou para mal, os referentes estaban filtrados polos grandes medios e movementos. Agora, unha persoa calquera pode erguerse como voceiro, influencer. Hai persoas con capacidade de influencia moi poderosa con discursos de fanático e de ultradereita.

Por que elixiu un varón?

Estamos na cuarta ola do feminismo, coas rapazas sendo conscientes do seu poder, e os rapaces conviven con iso. Pero, á vez, son as primeira xeración cunha educación e imaxinario sexual de baseados na pornografía máis machista. Hai un paso atrás enorme. Como casas ter unha relación de igual a igual coas rapazas cando o teu imaxinario sexual son escenas de pura dominación? E ás rapazas de trece anos depilándose o pube porque a estética pornográfica xa está absolutamente instaurada.

Compartir el artículo

stats