La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Antonio Míguez Historiador e coeditor de ‘1936. Un nuevo relato’

“A idea de reconciliación tapa a culpa dos verdugos de 1936”

“A existencia e estudo das vítimas no bando franquista e republicano non implica que deban ter o mesmo lugar na memoria democrática”

O historiador e coeditor de ‘1936. Un novo relato’ Antonio Míguez. | // L. O.

O profesor de Historia da Universidade de Santiago Antonio Míguez Macho é coeditor, xunto co catedrático Lourenzo Fernández Prieto e a profesora de Literatura Dolores Vilavedra, de 1936. Un nuevo relato, un libro colectivo que busca renovar as lecturas sobre o golpe. Presentarano hoxe ás 19.30 horas na casa museo Casares Quiroga, nun acto coa colaboración do Ateneo Republicano e no que estará Carmen Negrín.

Que relato temos sobre o golpe?

Segue sendo o escrito polos vencedores, os franquistas. Está construído desde a perspectiva dos verdugos, e contén equívocos históricos. Non denomina o golpe como tal, e o confunde coa guerra civil. Subsume toda a violencia das retagardas no paraugas da bélica e fala do réxime de Franco como inevitable, cando se configurou de xeito disputado. E fai desaparecer aos verdugos.

En que sentido?

Xa non no punitivo, que tamén podería ser, senón na memoria. Os verdugos teñen nomes e apelidos, perfís determinados, mais non están incorporados nas políticas públicas da memoria, como noutros países. No caso español temos unha importante carencia Hai moi poucos estudos históricos que se teñan dedicado aos verdugos, e é significativo.

Que mitos existen acerca dos antecedentes e causas de 1936?

O libro intenta desbotar a idea dun ano 36 inevitable, inscrito na propia historia de España. Hai unha idea moi estendida de que na nosa historia está escrita a falta de convivencia cívica, a falta de sustento democrático, a natureza contenciosa dos españois... Vértese, particularmente, na descrición da II República. Falamos de que isto ten unha natureza construída dentro do relato dos verdugos, como xustificación.

Como se foi configurando no franquismo a memoria de 1936?

Foi cambiando, pero sempre coa idea de sacar da imaxe a figura dos verdugos, a súa responsabilidade e as vítimas que se causaron. E no libro falamos tamén dunha relectura do proceso transicional.

No libro falan do termo “reconciliación”, moi importante nos discursos sobre este período.

É un concepto clave, que explica en boa medida a lóxica a nivel social e político do proceso transicional español, pero non deixa de ser un artificio máis dos verdugos para asentar as bases do seu propio relato. Falamos de que parece que a memoria sae das vítimas, que tamén pero parte dos propios verdugos, obsesionados con reescribir a historia. A reconciliación encubre a negación da responsabilidade dos verdugos. Non foi construída só polos franquistas, tamén polo antifranquismo: o primeiro en poñer sobre a mesa a política de reconciliación nacional foi o partido comunista. Acaba xerando unha Transición con impunidade.

Como se debe facer a análise da violencia de retagarda no territorio franquista e o republicano?

Houbo quen defendeu que non se debía estudar a violencia na zona republicana porque xa fora analizada polos franquistas, pero isto acaba equiparando a reivindicación dos franquistas e das outras vítimas, e iso non nos parece admisible. Agora estamos coñecendo esta violencia con estudos de carácter máis científico. Isto no plano histórico.

E no da memoria, en como o lembramos colectivamente?

A existencia de vítimas non quere dicir que todas entren no mesmo saco. Sería tan absurdo como pretender equiparar, a nivel memorial, as vítimas dos bombardeos aliados coas dos campos nazis. A memoria non é un ámbito científico, senón de políticas públicas. Aí deberíamos ter una discusión democrática sobre como situar eses espazos memoriais. Fóra do estudo histórico dos feitos, non podemos pretender que teña a mesma consideración na memoria unha vítima da resistencia antifascista que unha do fascismo porque queremos recoñecer a nosa memoria como democrática e antifascista. Se vivísemos nun réxime fascista, a memoria sería outra.

Os verdugos do 36 aos que achacan construír este relato xa están mortos. Por que viven os seus mitos?

Os autores do libro sentimos incomodidade co que eu chamo discursos de tipo negacionista. Non é un problema exclusivo de España, hoxe ten dimensión global, e non ten que ver só cos pasados traumáticos europeos. Vese tamén cos discursos en torno a Trump ou Bolsonaro, ou en China. Implica non só dicir que as cousas non pasaron, senón vender un pasado alternativo, o que fai que o relato sexa máis poderoso. Pero en España as políticas públicas da memoria nunca detectaron a existencia do negacionismo como cuestión central, como en Alemania, onde se trata como problema social co que loitar. Necesitamos que as políticas públicas de memoria teñan como obxectivo central combater os discursos negacionistas.

No libro non participan só historiadores, tamén investigadores de literatura, lingüística, o xornalista e escritor Anxo Murado...

O libro reivindica a importancia do coñecemento histórico, pero non só desde a Historia se fala do pasado. En dotarnos dun relato democrático que combata o negacionismo os historiadores temos un papel, pero non o podemos facer nós sos.

Compartir el artículo

stats