Síguenos en redes sociales:

EPISODIOS DA CULTURA CIENTÍFICA

O naturalista Seoane e a novelista Pardo Bazán no París de 1889

O naturalista Seoane e a novelista Pardo Bazán no París de 1889| // ‘REVISTA EXPOSICIÓN UNIVERSAL DE PARÍS 1889’

En 1889, lembrando o centenario da Revolución francesa, París viviu unha festa extraordinaria, na que a celebración dunha magna exposición universal constituíu o elemento central. Aberta o 6 de maio, coa inauguración días despois da famosa Torre Eiffel, e rematada o 31 de outubro, supuxo todo un acontecemento social, cultural e científico. Nela, coa exhibición dos avances nos diversos eidos da produción, Francia quixo amosar ao mundo o seu papel de gran potencia e o éxito obtido nos cen anos de superación do Antigo Réxime. Como expresaba unha publicación do momento: “O progreso que marchaba a pasos contados, calzou, desde a Revolución, botas de sete leguas”.

Entre os máis de 30 millóns de visitantes que acudiron a unha exposición que ocupaba 96 hectáreas (uns cen campos de fútbol), figuraron dúas destacadas personalidades galegas, o científico ferrolán Vítor López Seoane e a novelista coruñesa Emilia Pardo Bazán. Quen mantiñan unha fluída relación, con colaboracións como a participación de ambos na sociedade Folk-lore Gallego, da que Emilia foi presidenta e Vítor vogal da xunta directiva.

No cumio das súas carreiras

López Seoane comezara o seu labor naturalista ben novo pero non puido dedicarse profesionalmente a esa actividade e debeu exercer como médico interino na súa cidade natal. Esa situación mudou en 1869, cando casou coa rica propietaria Francisca Riobóo Álvarez, o que permitiu ao naturalista xestionar un importante patrimonio agrícola e dispoñer de recursos abundantes. A familia estableceuse na Coruña e o Seoane retomou o traballo naturalista con novos folgos e medios. Algunhas contribucións notables e os seus contactos con expertos de diversos países facilitáronlle un protagonismo internacional, nun percorrido que non estivo exento de graves fraudes nalgunhas das súas publicacións.

Asemade, os anos oitenta foron os da proxección e trunfo de Emilia Pardo Bazán no panorama literario español. A publicación de La cuestión palpitante douna a coñecer fóra de Galicia e a ese ensaio sucedérono a publicación de dúas novelas de éxito: Los pazos de Ulloa (1886) e La madre naturaleza (1887). As conferencias que impartiu en abril de 1887 no Ateneo de Madrid sobre a revolución e a novela en Rusia acadaron un notable eco e no retorno á súa cidade natal tivo un extraordinario recibimento. En 1888 asistiu á exposición universal de Barcelona e publicou De mi tierra e o libro que recollía crónicas da súa viaxe a Italia (Mi romería). Ao ano seguinte, o da exposición parisiense, publicaría Insolación e Morriña. A esa produción literaria cómpre engadir continuas colaboracións en destacados xornais.

Un agradable convite francés

O 6 de decembro de 1888 Seoane recibiu unha feliz nova de Léon Vaillant, presidente da Sociedade Zoolóxica de Francia, invitándoo para asistir en París ao primeiro Congreso internacional de Zooloxía, organizado no marco da exposición universal. Os especialistas encargados do coñecemento da Taxonomía zoolóxica (identificación e ordenación en grupos das especies animais) debían asumir numerosos retos, como o de dotar dunha certa uniformidade ao exercicio da profesión e o de afrontar a catalogación das importantes coleccións de animais procedentes das exploracións realizadas nas colonias.

A mediados de xullo dese ano 1889 Seoane partiu desde a súa propiedade de Cabanas (a Casa Grande) cara a capital francesa. Acudía coa emoción de quen desde novo se identificara co liberalismo que exaltaba a exposición parisiense e que no momento da viaxe lle levara a formar parte dos seguidores de Eugenío Montero Ríos dentro do Partido Liberal.

Credencial de López Seoane como participante no Congreso Internacional de Zooloxía.

Secretario no Congreso internacional de Zooloxía e expositor

O 5 de agosto deu comezo o congreso de Zooloxía, que duraría cinco días. Seoane foi elixido un dos cincos secretarios da Mesa presidencial, o que supuña todo un recoñecemento internacional. As sesións científicas do congreso tiveron lugar polas mañás, no palacio do Trocadero e nos locais da Escola superior de Farmacia. Polas tardes realizábanse visitas a diversos establecementos científicos e algunha actividade de lecer, soirées

A dobre condición de Seoane, estudoso dos seres vivos e importante propietario agrícola, favoreceron o seu interese polo coleccionismo natural, presentando mostras en varias exposicións. En 1889 concursou con tres coleccións: de herpetos (anfibios e réptiles), de madeiras e de cereais e legumes de Galicia, que foron premiadas cunha medalla de ouro e dúas de prata. A colección de herpetos, que acabou doando co remate da exposición ao Museo de Historia Natural de París, estaba constituída por 119 exemplares, correspondentes a 37 especies diferentes. Tamén doaría a premiada colección de madeiras (unhas duascentas), neste caso ao Conservatoire National des Arts & Métiers.

Pardo Bazán na exposición

Emilia Pardo Bazán asistiu a París co encargo de redactar crónicas para diversos medios americanos sobre a exposición universal e sobre a propia capital francesa. Aceptou malia que lle desgustaba que a conmemoración do centenario da Revolución Francesa fose o elemento que enmarcaba a exposición. Coherente coa súa ideoloxía antiliberal e coa defensa dos seus intereses materiais sempre se manifestou contraria a aquel episodio histórico. Como cronista, a salientable novelista debería cubrir a duración integra do evento, porén —se ben os escritos figuraban asinados en París— non permaneceu todo o período na capital francesa. Chegou alí en maio pero pasou o momento de máis calor, agosto, na Coruña; a fins dese mes foise para Madrid, de onde marchou cara París e desde alí comezou a viaxe por Alemaña, Suíza e Austria, que duraría ata o remate de setembro. Ese percorrido realizouno con Benito Pérez Galdós, no momento de grande intensidade na súa relación.

Crónicas e comentarios

Os artigos de Emilia Pardo Bazán, que reuniría nun par de libros, Al pie de la Torre Eiffel e Por Francia y Alemania (crónicas de la exposición), inclúen observacións diversas e comentarios variados. Son textos amenos, onde salienta o dominio da prosa que caracterizaba á autora, falando da exposición e dunha cidade que coñecía ben. Nas crónicas narrou a súa visita aos pavillóns de diversos países. Así, o 2 de xullo acudiu ao de Rusia, cuxo réxime absolutista (o tsarismo) encarnaba o seu ideal político, e comentou: “Si Grecia es el ayer de la civilización europea, Rusia es acaso el mañana”, engadindo esta curiosa referencia: “Mientras en nuestros países occidentales, donde tanto se cacarean la libertad y los derechos políticos, la mujer carece de personalidad y le están cerrados todos los caminos y vedados todos los horizontes de la inteligencia, en Rusia, donde (...) el monarca [es] un rey neto, la mujer se coloca al nivel del hombre, y la inmensa distancia que separa en los países latinos a los dos sexos, es desconocida o tenida por la mayor iniquidad”. Podería sorprender que a mesma persoa que gozaba a fondo da intensa e liberal vida parisiense afirmara esa barbaridade dun país carente de liberdades e que nunca visitou. Coido que unha vez máis puña os seus prexuízos ideolóxicos por riba de calquera outra consideración, mesmo a discriminación das mulleres.

Antropoloxía colonial, a Village Nègre

A exposición resultou un éxito e os elementos máis destacados foron, xunto coa Torre Eiffel, a Sala de Máquinas e a Village nègre. Falamos dunha recreación racista constituída por persoas das colonias francesas, vestidos coa roupa “típica” dos seus lugares, uns 400 figurantes agrupados en seis pequenos núcleos, onde xantaban, durmían e traballaban. Os visitantes da exposición contemplaban a esas poboacións “exóticas” e os seus espectáculos —como danzas das mulleres núas, loitas de homes, rituais— e eran animados a tocar a esa xente “de cor”.

Estes auténticos “zoolóxicos humanos” fascinaron a moitos europeos durante décadas, entre 1877 e 1912 houbo uns 30 en Francia e duraron ata 1931. Presentaban aos “salvaxes” un chanzo por debaixo dos “civilizados” brancos, como vestixios dos primeiros tempos da humanidade. Construíase, así, un imaxinario social sobre “os outros”, os humanos subalternos, nunha especie de demostración práctica, “científica”, da xerarquía das razas que confirmaba os prexuízos raciais e xustificaba o colonialismo.

Sobre este zoo humano deixounos Pardo Bazán unha breve anotación: “La vista y extrañas costumbres de salvajes, negros, asiáticos, moros y persas, nos divirtió extraordinariamente a los profanos y prestó el más gracioso colorido a la parte que puede llamarse de feria”. Un comentario en liña coa visión europea neses tempos, común —lamentablemente— á de moitos intelectuais do momento. Así eran as cousas daquela e así se explican algunhas do presente.

Pulsa para ver más contenido para ti