La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Ángel de la Cruz nnficha personal | Director do filme ‘O home e o can’, que se preestrea hoxe no Colón

“É a primeira vez en trinta anos que fago unha película case sen ter que renunciar”

“Na pandemia potenciouse esa idea de estar só aínda que esteas rodeado de xente”

Ángel de la Cruz. | // FERNANDO CASANOVA

Tiveron que pasar catorce anos para que Ángel de la Cruz se puxese de novo detrás das cámaras para rodar unha película. Logo de presentar O home e o can en festivais, preestrearase hoxe na Coruña, a partir das 20.00 horas, no teatro Colón para iniciar unha nova etapa.

Logo de gañar seis premios no Festival de Cine de Madrid, O home e o can volve á casa, que expectativa teñen para a chegada da película ás salas?

A nosa estratexia era presentar a película a festivais e concursos e, a todos os que foi, en todos conseguiu algo, así que, mellor, imposible. En xaneiro ímola presentar aos primeiros festivais internacionais e seguiremos durante todo o ano así, porque funciona moi ben nos festivais, tanto a nivel de crítica como de público. Agora hai un atasco de estrea de películas, porque se produciu moito seguido logo da pandemia, e no Nadal sempre chegan as grandes estreas de superheroes e de películas máis familiares, así que, agardamos poder estrear no primeiro trimestre do ano que vén, sen esquecer os festivais.

Fai o percorrido como as películas de antes, non dá o salto antes ás plataformas?

Queremos facelo á antiga para darlle tempo. De feito, non nos presentamos aos Goya porque non queriamos estrear este ano, porque hai moitas estreas pendentes e moitas producións e porque o queriamos tomar con calma, primeiro en festivais, despois, en salas, e despois en plataformas e televisións.

Esta película, rodada en branco e negro, sobre a soidade, en versión orixinal en galego, con poucos personaxes, en principio, teríao todo para non saír adiante...

Levo trinta anos dedicándome ao cine, fixen películas de animación, de personaxes reais e ultimamente levo xa moito tempo escribindo e producindo para outros. A miña anterior película como director preestreouse hai catorce anos tamén no teatro Colón e tamén en novembro. Non dirixía porque me gusta o oficio de guionista e porque tampouco atopaba o proxecto axeitado despois de facer superproducións, porque unha custou tres millóns de euros hai 22 anos e a outra de animación, seis millóns, o que me apetecía era encontrar un argumento que me permitise non facer moitas renuncias. No cine sempre hai que renunciar, sobre todo, en producións moi grandes, porque os cartos son de terceiras persoas e sempre tes unha presión moi grande para facer o tipo de película que queren eles, non a que queres ti, aínda que trates de combinar os intereses. Eu decidín que, para iso, prefería non rodar, que me era mellor escribir para outros e que se apañasen os demais.

E que cambiou?

Atopei este argumento, unha película pequeniña, moi humilde, que me permitía non ter que renunciar. É a primeira vez en trinta anos que case non teño que renunciar e é a que máis se parece á idea que eu tiña cando estaba escribindo. É a historia máis miña, ademais, deixáronma facer como quixen. O do branco e negro, por exemplo, foi unha elección estética para que se parecese ao neorrealismo. Podería facela en cor, pero quería que se parecese ao cine italiano da posguerra. Fixémola en galego porque eu non son quen de imaxinar esta película noutra lingua... Fíxena como a quixen facer grazas a que a produtora Ézaro Films me deu liberdade absoluta.

Esta película é froito do confinamento? Actualmente, entendemos mellor o que significa a soidade non escollida despois de non poder saírmos da casa?

A historia nace antes, era unha idea orixinal do compañeiro Rafa de los Arcos na que participaron dúas guionistas, Diana López Varela e Analía Alonso, naquel momento eu non estaba. Pasáronme a historia dun alcalde que quedaba na vila só co can, entón, era alcalde de ninguén. A primeira idea é de 2014. despois cada un foi polo seu lado e, cando chegou a pandemia, púxenme a traballar nela. Aínda que o tema da soidade xa estaba desde o principio, na pandemia potenciouse esa idea de soidade non desexada e de soidade cando estás rodeado de xente. Paula e Manuel son personaxes moi extremos que se acaban entendendo porque están sos aínda que estean con xente. Manuel, na súa aldea, co seu can e as súas galiñas, non se sente só até que chega á cidade. Como é unha persoa coas súas capacidades intelectuais afectadas, incluso hai quen lle escapa. Ela é dunha familia desestruturada e quere escapar da súa realidade. Ela di unha frase: “as redes sociais non din nada de ninguén”.

Entendemos mellor a Manuel logo do confinamento?

Posiblemente. Hai moita xente á que lle custou moito. A min non tanto, porque o traballo de guionista é solitario e na casa, aínda así, tamén se me fixo raro.

Compartir el artículo

stats