Síguenos en redes sociales:

Dez anos sen Xaime Cabanas, un tributo visual

Unha mostra no Quiosco Alfonso e Palexco lembra a pegada na vangarda cultural do pintor coruñés

Dez anos sen Xaime Cabanas, un tributo visual

O pintor coruñés Xaime Cabanas marchou hai dez anos, non así a súa pegada no imaxinario artístico galego. “Autodidacta, irreverente, mordaz, bohemio, universal, libre. Todo iso era Xaime Cabanas, pero eu só diría que era de Monte Alto”, sinalaba a alcaldesa, Inés Rey, na presentación da mostra MMXXIII Cabanas, que rende homenaxe, dende o Quiosco Alfonso e o Palexco, á obra do artista plástico unha década despois do seu pasamento, e que busca reivindicar a figura do artista na plástica coruñesa e galega, “ao nivel de pintores como Lugrís”, defende o Concello, e tamén para dalo a coñecer ás novas xeracións. Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, MMXXIII Cabanas componse de cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e do legado familiar. Son aproximadamente noventa obras de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia. A mostra amosa un total de 124 destas pequenas pezas.

Dez anos sen Xaime Cabanas, un tributo visual

33

Inegrada na exposición hai unha mostra fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron os fotógrafos Juan Rodríguez, Xoan Piñón, Xurxo Lobato e Vari Caramés. En paralelo á mostra, os seus impulsores prevén organizar unha serie de actividades complementarias. Entre elas, están as visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Quiosco Alfonso, se inscrición previa. Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro desenvolveranse obradoiros en familia, con previa reserva en ludidactica@gmail.com e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as Orzanas, o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materais caseiros. Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares denominado Criptotrazos, concebido como “resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais” derivados da obra de Xaime Cabanas.

Pulsa para ver más contenido para ti