Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

'Expediente Oculto' reforza a investigación cunha nova estrutura e un plató renovado

A nova temporada do programa da CRTVG aposta por unha fórmula máis compacta, cun bloque dedicado aos sucesos, investigacións sobre o terreo e unha mesa de crime con maior peso dentro de cada emisión

Hai novo capítulo o lunes 2 de novembro ás 22.45 horas

Análise en 'Expediente Oculto'

Análise en 'Expediente Oculto' / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Expediente Oculto regresa á CRTVG cunha evolución do seu formato que reforza a súa identidade como programa de investigación. A nova temporada concentra o relato en dous grandes bloques: sucesos e crime.

Producido por TEX45, o programa mantén a súa mirada sobre os feitos desde a perspectiva de quen investiga: policías, gardas civís, investigadores, especialistas e profesionais que permiten reconstruír os casos e comprender que hai detrás dun suceso ou dun crime. Haberá novo capítulo o lunes 2 de novembro ás 22.45 horas.

A xornalista Patricia Abet continúa á fronte do formato, conducindo un relato no que a información, a investigación sobre o terreo e a análise en plató funcionan agora dunha maneira máis integrada.

Un novo plató para explicar a investigación

Un dos principais cambios da temporada está no propio espazo do programa. O plató incorpora un novo set presidido por unha gran pantalla que amplía as posibilidades narrativas de Expediente Oculto. Xa non funciona só como fondo visual: convértese nunha ferramenta desde a que presentar información, localizar escenarios, ordenar cronoloxías, relacionar persoas e reconstruír os puntos fundamentais dunha investigación.

Mapas, fotografías, documentación, percorridos, conexións entre implicados ou elementos extraídos dos atestados poden organizarse visualmente neste novo espazo para facilitar a comprensión de casos que, en ocasións, acumulan anos de investigación e numerosos protagonistas.

Patricia Abet, presentadora do programa

Patricia Abet, presentadora do programa / LOC

O novo set permite tamén cambiar a dinámica do programa. Patricia Abet pode abandonar a mesa e levar a explicación ata a pantalla, facendo que o relato avance fisicamente polo plató e evitando unha posta en escena baseada unicamente na conversa.

É tamén o espazo desde o que Antón, redactor de Expediente Oculto, ordena e resume algunhas das claves investigadas durante o programa.

Os sucesos abren agora cada emisión

A nova estrutura comeza cun bloque de sucesos máis próximo á identidade xeral de Expediente Oculto. O programa aborda conflitos veciñais, violencia, estafas, inseguridade, problemáticas sociais, sucesos policiais e outras situacións que permiten ir máis alá do feito puntual para analizar o contexto que hai detrás.

A intención non é facer un simple repaso da actualidade. Cada tema parte dun suceso para preguntarse que o provoca, quen está detrás, como afecta aos implicados e que resposta están dando as autoridades.

Novo plató

Novo plató / LOC

Nesta temporada, ademais, o bloque incorpora unha maior presenza da investigación de campo. Antón López, redactor do programa, desprázase aos lugares onde acontecen os feitos, fala cos protagonistas, busca testemuños e percorre os escenarios para completar a información que posteriormente se analiza no plató.

Estas pezas permiten confrontar o que se conta desde fóra cunha realidade comprobada sobre o terreo e achegar ao programa voces que normalmente non forman parte dunha mesa de televisión.

Elena Villanueva incorpórase ao equipo

Outra das novidades da temporada é a incorporación de Elena Villanueva, xornalista especializada en sucesos e con formación en criminoloxía. Elena Villanueva toma o relevo de Xurxo Melchor e achega ao programa unha mirada xornalística centrada na información de sucesos, o seguimento dos casos e o contexto necesario para entender cada historia.

Xunto a ela continúa o maxistrado Antonio Taín, encargado de achegar a perspectiva xurídica e explicar os procedementos, decisións xudiciais e particularidades do proceso penal dunha maneira accesible para o público.

As súas intervencións complétanse cos profesionais vinculados a cada investigación: membros das Forzas e Corpos de Seguridade, criminólogos, psicólogos, médicos forenses e outros especialistas seleccionados en función das características de cada caso.

Elena Villanueva, nova colaboradora

Elena Villanueva, nova colaboradora / LOC

O crime convértese no gran peche do programa

A desaparición do terceiro bloque da anterior temporada permite que Expediente Oculto dedique máis tempo ao caso criminal que centra cada emisión, a mesa de crime pasa a ser o gran peche do programa.

Cada caso parte dunha reconstrución documental dos feitos e avanza seguindo a lóxica da propia investigación: que ocorreu, que atoparon os investigadores, que hipóteses se abriron, que probas permitiron avanzar e como se chegou aos principais sospeitosos ou responsables.

O novo set permite trasladar unha parte desa explicación fóra da mesa e visualizar os elementos fundamentais antes de entrar na análise. A continuación, Patricia Abet conduce a conversa cos colaboradores e especialistas, incorporando progresivamente novas capas de información. O obxectivo non é recrearse no crime nin converter os casos en espectáculo, senón reconstruír o traballo que permitiu investigalos.

A investigación como fío condutor

A evolución de Expediente Oculto simplifica a estrutura pero amplía as posibilidades do relato. Sucesos e crime deixan de funcionar como compartimentos independentes e comparten unha mesma filosofía: partir dos feitos para descubrir o que existe detrás deles.

Imaxe dun capítulo de 'Expediente Oculto'

Imaxe dun capítulo de 'Expediente Oculto' / LOC

A investigación de campo, o material documental, os testemuños, a análise dos especialistas e os novos recursos visuais do plató forman parte dun mesmo proceso. Deste xeito, a audiencia non recibe unicamente o resultado dunha investigación. Pode comprender como se chegou ata el.

Esa perspectiva é especialmente relevante na mesa de crime, onde o programa reconstrúe casos reais acontecidos en Galicia a través das persoas que participaron nas investigacións ou que poden explicar, desde a súa especialidade, as decisións que marcaron cada expediente.

Patricia Abet, ao fronte do relato

Patricia Abet continúa como presentadora e condutora de Expediente Oculto e mantén un papel central na nova estrutura. É a encargada de introducir cada historia, conectar a investigación realizada fóra do plató coa análise dos colaboradores, trasladar o relato ao novo set visual e ordenar as distintas voces que participan no programa.

A súa función resulta especialmente importante nun formato no que cada caso pode reunir información policial, xudicial, forense e xornalística. A presentación busca traducir esa complexidade nun relato claro sen simplificar a investigación.

Explicación dun crime

Explicación dun crime / LOC

Colaboradores fixos e convidados que achegan experiencia e proximidade

No bloque de sucesos, Patricia Abet conduce a análise xunto a Elena Villanueva, xornalista especializada en sucesos, e o maxistrado Antonio Taín, que achega a perspectiva xurídica. O traballo en plató complétase coas investigacións sobre o terreo de Antón López, redactor de Expediente Oculto.

Na mesa de crimes, Antonio Taín mantén a mirada xurídica e o programa conta tamén coa participación de especialistas como Jorge Sobral, psicólogo experto en conduta criminal, e Berta Rodríguez, médica forense do Imelga. A eles súmanse, en función de cada caso, investigadores das Forzas e Corpos de Seguridade e outros profesionais relacionados coa investigación, que permiten analizar cada crime desde diferentes perspectivas.

Unha nova etapa para Expediente Oculto

A nova temporada consolida así a evolución dun formato que busca diferenciarse dentro do xénero criminal. Menos bloques, máis investigación, maior presenza na rúa e máis tempo para desenvolver cada crime. O renovado plató reforza esa transformación cunha zona visual que permite explicar a investigación dunha maneira máis dinámica e precisa, mentres que a incorporación de Elena Villanueva e o maior protagonismo das investigacións de Antón amplían a mirada xornalística do programa. Expediente Oculto mantén deste xeito a súa principal premisa: contar o que sucedeu, pero sobre todo explicar como se investigou.

TEMAS

Tracking Pixel Contents