Manuel Brañas é un músico veterano na escena musical do folk, xa que foi parte integrante do grupo Arco da vella, formación que publicou catro traballos ao longo da súa andaina. Xa alí exercía como cerebro da formación e no ano 2002 creou Brañas Folk. Despois de cinco anos de espera veñen de editar o segundo álbum, Alalá do cebreiro, un traballo no que contan con numerosas colaboracións. As máis chamativas resultan as presenzas de catro cantantes para dar voz a unha formación que mestura cancións cos contidos instrumentais. Para esa función escolleron a Uxía, Sonia Lebedynski, voz de Fía na Roca, que interpreta un texto de Ramón Cabanillas; Laura Amado, coñecida pola súa colaboración con Milladoiro, quen canta un texto escrito por Rosalía de Castro, e finalmente contaron con Mónica de Nut para unha canción tradicional.

Outra colaboración importante nesta obra é a de Pancho Álvarez, que realiza arranxos en cinco das pezas incluídas neste traballo da banda.Ademais tamén participa a Coral de Ruada no tema Canto das chirimías da catedral de Santiago. Esa é unha achega medieval dentro dun disco no que tamén aparece a influenza céltica en Giga de Harry, pero no que fundamentalmente se centran en realizar arranxos de pezas tradicionais e aportar algunha composición propia, onde contan con Olga Brañas, filla de Manuel, que compuxo tres cortes deste álbum, ademais de elaborar algún arranxo propio para esta nova obra do conxunto.