07 de mayo de 2012
07.05.2012

Os filmes 'Doentes' e 'Arrugas', claros favoritos aos premios Mestre Mateo

As cintas de Gustavo Balza e Ignacio Ferreras conseguen trece e oito candidaturas respectivamente, e as películas 'Tralas luces' e 'Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego' compiten por seis galardóns

07.03.2012 | 13:05
Miguel Lorenzo, Fernando Morán, Sara Horta e Álex Carro, onte no Kiosco Alfonso. / carlos pardellas

A película Doentes, dirixida por Gustavo Balza, é a favorita dos Premios Mestre Mateo 2011 con trece candidaturas, entre elas as de mellor longametraxe, mellor dirección e mellor actor protagonista -que se disputarán Antonio Durán Morris e Xosé M. Olveira Pico-. Ao filme baseado na obra de Roberto Vidal Bolaño ségueno de preto as oito candidaturas de Arrugas, a produción de Perro Verde Films que acadou dous premios Goya hai unhas semanas.

Con seis candidaturas, as producións Tralas luces, de Sandra Sánchez, e Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, de Simón Casal de Miguel, tamén con importantes posibilidades, e como finalista en catro categorías aparece Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, dirixida por Zaza Ceballos.

Secuestrados, dirixida por Miguel Ángel Vivas e producida por Vaca Films; Sinbad, de Antón Dobao; e Reliquias, de Toño López, loitarán por gañar nas tres categorías ás que opta cada unha.

A lista dos finalistas da décima edición dos premios Mestre Mateo foi revelada onte por Sara Horta, produtora executiva dos premios que organiza a Academia Galega do Audiovisual, e os actores Fernando Morán e Álex Carro no Kiosco Alfonso da Coruña. Horta apuntou que a esta edición dos galardóns concorreron 132 obras, 85 produtoras e 385 profesionais, algo que Emma Lustres (produtora de películas como Celda 211), presente no público, considerou unha mostra de que "o talento en Galicia non está en crise".

Doentes, ambientada na Compostela dos anos 50, narra a historia dos vagabundos Valeriano (Xosé M. Olveira Pico) e Cañete (Antonio Durán Morris), cando se produce o desartellamento do Hospital Real para convertilo nun hotel de luxo. O filme de Gustavo Balza opta aos premios de mellor longametraxe, mellor montaxe, mellor son, mellor deseño de vestiario, mellor música orixinal, mellor dirección, mellor actor protagonista, mellor actriz protagonista (María Vázquez), mellor guion, mellor dirección artística (Alexandra Fernández), mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción (Enrique Batet).

A película de factura coruñesa Arrugas, producida por Perro Verde e baseada no cómic homónimo de Paco Roca, continúa a súa lista de recoñecementos. Despois de conseguir, hai unhas semanas, os premios Goya ao mellor guion adaptado e mellor filme de animación, a cinta é unha das chamadas a triunfar na cerimonia dos galardóns más prestixiosos do audiovisual galego, con oito candidaturas: mellor longametraxe de animación, mellor montaxe, mellor son, mellor música orixinal (Nani García), mellor dirección (Ignacio Ferreras), mellor guión, mellor dirección artística (Paco Roca) e mellor dirección de produción (Manuel Cristóbal, Helena Fortuny). Ángel de la Cruz, un dos guionistas da película, amosaba onte a súa satisfacción con estas candidaturas e apuntaba que non se podía aspirar a máis, xa que a súa cinta non podía participar nas seccións relacionadas coa interpretación, a maquillaxe ou o vestiario.

Tralas luces competirá para gañar os premios de mellor son, mellor longametraxe documental, mellor dirección, mellor guión, mellor dirección de fotografía e mellor montaxe; mentres que Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego fará o propio nas categorías de mellor maquillaxe e perruquería, mellor deseño de vestiario, mellor dirección, mellor dirección artística, mellor película para televisión e mellor dirección de produción.

En televisión, arrasa a serie Matalobos, con 15 candidaturas, entre elas mellor serie, mellor guion e mellores actores protagonistas para Luis Iglesia e Luisa Merelas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario