06 de mayo de 2019
06.05.2019

Nace un novo premio para reivindicar a música tradicional

O novidoso galardón recoñece o labor de adaptación cunha peza do noso folclore

05.05.2019 | 21:48
Imaxe da estatuíña que se entrega ao gañador do premio.

Nesta edición existe unha novidade significativa no que atinxe aos galardóns entregados, posto que se decidiu ampliar o número coa creación do PREMIO OPINIÓN á mellor adaptación dunha peza tradicional. A ampliación vén dada polo interese en reivindicar o traballo dos artistas coa nosa música e valorar a súa visión sobre temas que forman parte do noso folclore.

Hai diferentes xeitos de abordar un arranxo sobre unha peza tradicional e o único imprescindible para un artista é facelo con respecto, posto que despois hai moitas maneiras de ver a música e todas poden ser totalmente válidas. Existen arranxos máis elaborados e outros máis sinxelos e frescos, e tamén aparecen no panorama musical do país propostas que rompen co anteriormente coñecido. Un exemplo evidente dáse cunha das candidaturas finalistas desta edición. O dúo Vudú é quen de proporcionar unha nova vida estética a temas tradicionais moi coñecidos, incorporando arranxos tinxidos de soul, pop, rock ou funky. Belém Tajes é a arranxista da peza finalista e considera este novo premio como "algo moi necesario. Considero que serve para ampliar a perspectiva musical e que as cousas non se pechen só nun camiño. É interesante ver a tradición dende prismas diferentes. Hai artistas que loitamos para revalorizar a música tradicional e, no noso caso, achegando algo para cambiala de cor". Para a intérprete, quen tamén é finalista como mellor artista, foi unha sorpresa aparecer entre as catro candidaturas nesta categoría "e significou unha alegría grande estar con Moreniña canda artistas que teñen unha gran traxectoria e aos que admiramos moito".

O trío Tanxugueiras son outras das finalistas nesta nova categoría. Sabela Maneiro, unha das súas compoñentes, cre que o novo galardón "supón algo importante polo recoñecemento que representa para a música tradicional e os conxuntos que estamos a traballar para ila adaptando aos novos tempos. Considero que é importante elaborar boas adaptacións e non realizar só copias".

En canto á elección de Ai, á ribeira como finalista amósase conforme co xurado, "posto que é das miñas favoritas. É un tema que non sabemos de onde procede". As outras pezas que optan ao premio de mellor adaptación son Salvadora, da banda Habelas Hainas, e Mar Antigo, do grupo Milladoiro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario