O trío Obal sacou ao mercado o seu primeiro traballo discográfico, ao que chamaron Baile en Masso. Os compoñentes da formación son Jaime Rebollo, Iván Costa e Diego Langarika. "Coñecémonos porque formamos parte da orquestra folk SondeSeu e falamos de realizar un proxecto centrado no bal folk, no que se interpretan danzas populares europeas para que a xente dance, polo que fomos falar con bailadores que practicaban esta modalidade e pedímoslles tocar para eles para saber se o que faciamos axustábase ben á proposta", comenta Costa.

Zanfona, bouzouqui guitarra e nyckelharpa (instrumento de corda orixinario de Suecia) forman a sonoridade do grupo, na que paira ese ambiente que se dá nas populares Fest-noz bretoas. "Francia, Bélxica e Alemaña son lugares onde existen profesionais que viven de facer este tipo de música".

Obal naceu hai tres anos e non tiñan présa por realizar a edición do seu primeiro disco, "que foi gravado tocando no estudio os tres xuntos para non perder frescura, algo ao que axuda os volumes dos instrumentos que empregamos".

No repertorio aparecen cinco pezas tradicionais, dúas de composición propia e tres doutros autores. "No que atinxe ás tradicionais fixemos moito traballo de campo, maissen movernos da casa (explica Costa sorrindo), posto que internet proporciona esa posibilidade. Cando un de nós propón un tema xavai co arranxo na cabeza, polo que é máis doado convencer aos compañeiros para que forme parte do repertorio".

Costa di que a música que realizan "é moi comunal, xa que está enfocada á danza, aínda que no bal folk só existen funcionando, de momento, un par de asociacións en Galicia".

En canto ao futuro da formación indica que pretenden facer un novo álbum para o vindeiro ano, "no que imosmudar cousas. Neste hai pouca referencia galega e no seguinte imos centrarnos totalmente no repertorio do gaiteiro de Poso, que é moi bailable. Para esa obra xa imos incorporar a gaita, que tocarei eu, ao son do trío".