La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Deportivo

Rubén Prol, o ‘tipógrafo’ do Deportivo

Apaixonado do Dépor e do traballo tipográfico, deseñou as letras, os números e agora os rótulos do pescozo das novas camisolas, ‘Galicia Azul’ nas branquiazuis

Rubén Prol, na Deportienda de Riazor coa nova primeira camisola do Dépor, chamada ‘Galicia Azul’ // VÍCTOR ECHAVE

“É unha das mellores cousas que me pasou na miña vida”. Así, enchido de orgullo, fala Rubén Prol (O Grove, 1983) do que supón para el ser o creador da tipografía das letras e os números das camisolas do Deportivo desde 2015, unha práctica interrompida en 2017 pola uniformidade imposta por Laliga e novamente recuperada trala caída do equipo fóra do fútbol profesional. Ese tipo de letra para o Dépor, bautizado co nome de RCD Carme —“púxenlle así en honra á miña avoa”—, é unha das creacións que fixo para o club coruñés, do que é afeccionado desde cativo. En outubro do ano pasado recibiu outro encargo desde a praza de Pontevedra de cara á nova campaña que está a piques de comezar. “Pedíronme se podía rotular especificamente esas letras que levan no pescozo das camisetas”. Na branquiazul: Galicia Azul.

Detalle do pescozo da camisola branquiazul RCD

O segundo e o terceiro equipamento tamén terán cadanseu nome. Como se chamarán? “É un segredo”, responde cun sorriso este “deseñador de tipografía” grovense, afincado desde 2011 na Coruña, onde desenvolve a súa actividade profesional na empresa Corunet.

O Dépor pediulle “algo con inspiración galega, porque este ano as camisolas íanse centrar en Galicia”, e iso foi o que fixo. “Inspireime no traballo de Xosé Vizoso, que é quen deseñou a tipografía para Sargadelos”, argumenta Rubén Prol. “El xunto a Isaac Díaz Pardo fixeron varias tipografías, varias formas de letra para Sargadelos, que hoxe en día son algo que todo o mundo asocia sen dúbida con Galicia”, recalca.

“Un soño feito realidade”

Por que esa afección polo Dépor sendo pontevedrés? “É unha pregunta que nos fan moito aos do sur. E ti sendo do Grove por que es do Dépor? Esa non é unha pregunta que lles fan aos do Madrid ou aos do Barça, por exemplo. Pois non. Cadroume así. Eu de crío namoreime do Superdépor, de Arsenio, de Paco Liaño, da marabillosa camiseta de Feiraco… E desde aquela son deportivista”, explica Rubén Prol sobre a orixe da súa paixón branquiazul.

De aí a súa emoción polo feito de que unha creación súa, neste caso unha tipografía e os rótulos no pescozo das camisolas, luzan nos equipamentos do cadro coruñés. “Neste caso xuntáronse o Deportivo, o meu equipo desde crío, e máis un traballo tipográfico, que é unha das cousas que máis me gusta facer na vida. Son socio e adoito ir a Riazor. Para min foi moi especial que se me abrise esta oportunidade, xa daquela cos dorsais e agora cos rótulos que levan no pescozo. Vexo a xente pola rúa levando iso e por suposto aos xogadores cando vou ao campo, e para min é un soño feito realidade”, conclúe Prol, apaixonado do Dépor e do deseño tipográfico.

Compartir el artículo

stats