O voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, solicitou hoxe a aplicación inmediata dos preceptos da Lei de caixas galega sobre os que o Tribunal Constitucional (TC) levantou a súa suspensión.

Aymerich, nunhas declaracións á EFE, sostivo que eses sete preceptos "entran plenamente en vigor" despois do pronunciamento do Alto Tribunal e por iso insistiu en que se apliquen "a non ser", dixo, que ao PP "lle dea por seguir na súa postura de insubmisión", en alusión á postura dos populares con respecto á Lei do aborto.

Opinou que "xa non hai pretextos de ningún tipo" para que non se faga efectivo o nomeamento dos membros das asembleas designadas polo Parlamento de Galicia e para que se apliquen "a incompatibilidade de políticos en activo" e o tope de idade para formar parte del.

A valoración do BNG sobre o auto do TC con respecto á Lei de caixas é "moi clara: confirma o dereito de Galicia de contar cun poder financeiro propio, ao servizo do país", e, de camiño, "obriga a Xunta a aplicala".

Con respecto aos tres preceptos que se manteñen suspendidos, Aymerich dixo que "non quere dicir que sexan inconstitucionais" e engadiu que estes "están recollidos noutras leis autonómicas en termos similares".