O seu traballo é esencial para parar os contaxios de coronavirus, pero as súas condicións laborais non están en primeira liña. Despois de expoñerse nos momentos máis críticos da crise sanitaria, as dez mil traballadoras da limpeza da provincia da Coruña erguen as súas fregonas para reclamar melloras nun convenio que leva ano e medio caducado. Para este ano piden unha suba do 1,5%, que supón apenas dez euros ao mes nun salario tipo. A patronal négase.

Montse Vila ten 53 anos e leva 30 traballando como limpadora no centro de saúde de Carballo a través dunha subcontrata. Como moitas das profesionais deste sector, ten un contrato a tempo parcial; no seu caso, 33 horas á semana que inclúen festivos e unha fin de semana de cada tres. Leva toda a pandemia desinfectando superficies en contacto con infectados de COVID. “No primero momento non tiñamos ningunha protección e poñíamos por riba bolsas do lixo”, lembra. Agora usa un EPI pero segue levando a roupa de traballo para lavar na casa. “Moitas compañeiras contaxiáronse”, sinala. Cobra 720 euros ao mes. É unha das 10.000 personas —8.000 delas mulleres— chamadas á folga coa que esta semana demandan, coas fregona en alto, un convenio digno para o sector da limpeza de edificios na provincia da Coruña.

A limpeza foi considerada servizo esencial dende o inicio da pandemia, que incrementou a carga de traballo e os riscos laborais para estas traballadoras, que en 2020 viron conxelado o seu xa de por sí escaso salario, co convenio provincial caducado dende o 31 de decembro de 2019. Pasados os momentos máis críticos da crise sanitaria, agora reclaman que o recoñecemento da súa actividade se traduza en condicións máis dignas. Piden unha suba salarial do 1,5% para 2021 e do 2% para 2020. No salario de Montse, suporía 10,80 euros máis ao mes este ano e 29 o próximo. A patronal ofrece un 0% para este ano e un 1% para o que vén, sete euros neste caso. “Atopámonos totalmente indefensas”, lamenta esta traballadora con 30 anos de experiencia, que apunta que leva “27 anos cos trienios conxelados”.

Maricarmen Caamaño ten 48 anos e limpa nas oficinas da Torre de Cristal, en Matogrande, dende hai 14. Ten unha xornada completa, de 39 horas á semana, pola que percibe 950 euros, un soldo que complementa cun par de horas noutra empresa. No último ano, a necesidade de extremar a hixiene fixo que tivera “o dobre de traballo”, asegura, e máis risco de enfermar, sen ningunha compensación. “Temos a sensación de que as limpadoras non somos esenciais, debemos de ser extraterrestres que non enfermamos nin nos contaxiamos”, ironiza Caamaño. “Somos o último escalafón do mercado”, critica.

O persoal de limpeza amósase molesto polo contraste entre o recoñecemento público que obtivo o seu traballo como esencial e a negativa da patronal a reducir a súa precariedade. “Moitos aplausos e moito recoller premios por estar en primeira liña e como cho pagan, cun 0%?”, reflexiona Jorge Gesto, limpador tamén no PAC de Carballo. Engade que non so é cuestión de salario e que o colectivo se rebela ademais contra a pretensión de endurecer o acceso á xubilación anticipada e de eliminar o dereito preferente a ampliar a xornada cando hai máis carga de traballo. No seu caso, con 60 anos de idade e 32 adicado á desinfección do centro sanitario, a experiencia pasa factura.“Temos un desgaste físico: problemas de costas, de columna, nas mans... e queren quitarnos a prexubilación!” , quéixase. Jorge cobra uns 1.100 euros con xornada completa grazas a ter categoría de especialista. “Falo na miña contra, pero á maioría dos traballadores da limpeza acaba recoñecéndoselles a especialidade por manexar varredoras ou algunha maquinaria, mentras moitas mulleres que tamén o fan seguen cobrando como limpadoras”, afirma.

Miguel Beiras limpa no turno de noite en Sabón. “Entendo que algúns clientes pequenos pasaron a facer a limpieza eles e algún negocio pechou, pero aquí tamén hai empresas grandes que incrementaron os seus ingresos porque houbo un reforzo na desinfección, e non repercutiu nos traballadores”, reflexiona. “A xente está indignada —advirte— porque estamos pedindo catro pesos e non nolos queren dar e aínda por riba nos queren quitar as prexubilacións”. Gesto engade que a maioría son grandes empresas multiservizos con boas cifras de negocio.

Despois das 48 horas de folga que concluiron a pasada medianoite, os representantes da limpeza de CIG, CCOO e UGT volverán sentarse coa patronal coruñesa co ánimo de pactar un convenio digno. “A pandemia vai seguir aí, non pode ser que nos siga maltrando a patronal”, di Gesto.