Nas xerais Ciudadanos tivo case 4.000 votos, o PSOE gañou en todas as mesas menos unha... Está máis complicado?

Non ten nada que ver, nas municipais os votos do PSOE son nosos. Eu nas xerais votei ao PSOE porque había un perigo tremendo, fun ao voto útil, que por votar non lles votaba.

Sacou catorce concelleiros en 2015, un récord. Aspirará polo menos a igualar, non?

A aspiración é que os cidadáns nos den a maioría, que son once edís. Hai máis candidaturas, pode haber división do voto, así que traballamos para ter unha maioría que permita gobernar sen sobresaltos.

Iría a pactos, se o precisase?

Non queremos pactos de ningún tipo. Se toca, gobernaremos en minoría.

Alternativa preséntase en oito concellos. Dá feito, de mitin en mitin por toda a comarca?

Son unha persoa activa e dinámica. Non queremos colonizar A Coruña, senon levar as políticas boas de Oleiros ao resto da comarca e influir en que haxa unha área metropolitana forte, porque ao estar en outros concellos os nosos votos poden ser chave para nombrar alcalde ou alcaldesa. Esta comarca é a máis rica e productiva de Galicia e están pechando empresas. O principal son crear infraestructuras, pero temos que remar todos xuntos, non pode haber o boicot como nestes dous últimos anos no Consorcio. Quen máis dano fixo para que esto non funcionase foi o PSOE coruñés que votaba en contra do PSOE da comarca. Esto no argot chámase banda, se non funciona como partido político é unha banda. E non levan no programa nin o porto, nin Alfonso Molina nin A Pasaxe...

Pero realmente, onde cré que pode sacar Alternativa?

En Carral imos ter a Alcaldía, en Sada podemos ser a lista máis votada e gobernar con outros compañeiros. Imos ter unha presencia importantísima en Culleredo, Cambre, Arteixo e Bergondo. Eu non persigo Alcaldías, persigo gobernos que pensen na comarca, nos cidadáns. Queremos ter poder para cambiar, só se poden cambiar as cousas dende o poder, o que pense que se poden cambiar dende a oposición é mentira, que mo digan a min.

E despois, a Xunta?

Non. Propuxéronmo miles de veces pero eu sei os meus límites. Eso non quere dicir que no futuro non colabore con outras forzas para que haxa un goberno en Galicia, pero de Ángel García Seoane candidato, nada. Sempre tiven os pés no chan.

Furgonetas, bolsas, uns escenarios tremendos. Deben estar gastando unha morea na campaña

Tremendo. Alquilamos todo, camións, furgonetas, sillas. O resto facémolo nós, nas ceas frías non hai catering. A Xunta Electoral vainos entregar treinta e pico mil euros, máis o diñeiro que ingreso pola Deputación. E acabamos de facer unha rifa.

Corenta anos non son nada?

Estes 40 anos de Alternativa, un partido independente gobernando, é un caso único en España e ten unha explicación: a dedicación, o traballo diario, cumplir o que se promete aos cidadáns. Son de esquerdas e me votan persoas da dereita porque a xente non é tonta, se están felices, con infraestructuras, escolas, actividades, seguridade, orden, impórtalle un bledo que sexas de dereitas ou esquerdas.

A oposición coincide en dicir que está vostede moi prepotente e faltón

Que vai dicir a oposición, porque non teñen nada que aportar, non sabemos se hai oposición. Tí cres que se fose un déspota me ían votar, que teríamos o 62% da poboación votándonos? Os cidadáns son intelixentes e valoran. Pero se te insultan, tes que contestarlles. Viches o panfleto do PP chamándome de todo? Vounos felicitar? Terei que chamalos polo seu nome. O problema é que eu son directo, que digo as cousas como as penso, da mellor das maneiras, pero cando me cabrean lles contesto. Lembras Santa Cruz Aberta ao mar? Agora non falan nada.

Home, agora xa está construido o hotel, xa non se pode facer nada

Se podía dicir. Aquelo quedou coma un verxel, antes a seis metros e agora a vinte do mar, cunha zona verde pública diante do hotel e cunha terraza que vai estar así, así [xunta os dedos cara arriba], cos meus opositores sentados alí. O día que os vexa alí voulles chamar de todo. Santa Cruz é un bombón, os coruñeses veñen o fin de semana, non no verán, a disfrutar.

Toda a oposición leva o das áreas caninas, vostede nada

Non mo digas, que teño toda a familia con cans, miña irmán, miña sobriña, miña nai, meus fillos.

E non lle dín, papá, pon unhas zonas para os cans, oh?

Oleiros é un municipio con moitos núcleos urbanos importantes, non é Carballo ou Betanzos que só ten o centro urbano. Onde pos un sitio para os cans? Se o pos en Mera non van os de Santa Cruz, e ao revés. Tería que poñer cuarenta mil áreas. Podes levar o can por todo Oleiros, só que da correa. Aquí hai moitas zonas de monte para levalos. Os parques e as plazas son para a xente. Poden levalos á praia no inverno.

Vale, outros catro anos máis sen zonas caninas. Outro tema. A Oleiros volveu o boom

Xa dixen que Oleiros sería dos primeiros en saír da crise porque hai orde, planeamento, cada un sabe o que pode facer, non recalificamos solo agrícola dando aproveitamentos de locura como en Carral, Arteixo, Cambre. En canto á vivenda, non é certo que marche xente, se van ´´é porque lles da a gana. Fixemos 950 vivendas protexidas. A nosa política social é única. Hai dous anos ocuparon dous edificios de vivenda de prezo taxado no mellor de Santa Cruz por menos de cen mil euros. En un mes haberá 49 vivendas máis.

Daquela por que aprobou reducir a vivenda protexida ao mínimo que permite a Xunta?

Porque nos obrigaba a Xunta.

Aplicar esas reduccións non é obrigatorio para os concellos

Os demais concellos non poden sacar vivenda protexida porque non teñen solo e nós sí.

Que coche ten?

Un BMW de hai quince anos.

Aficións?

Nadar no mar no verán, camiñar todo o ano. E vou ás piscinas pagando, que algúns din que o alcalde vai gratis.