Álvaro García Freire | Concelleiro e candidato polo BNG de Vilasantar

“A prioridade é un centro de maiores, hai un grave problema de soidade”

“Foron catro anos desperdiciados e deixan o Concello nunha situación desastrosa”

Álvaro García Freire.   | // L.O.

Álvaro García Freire. | // L.O. / Antares Pérez

Encabezou xa unha candidatura hai anos...

Si, cando tiña vintepico anos, xa non me acordo da idade, era unha candidatura independente e auspiciada polo BNG. Eu sempre fun militante do BNG.

E que lle leva a repetir agora?

Foi unha petición que me fixeron os compañeiros, eu xa son concelleiro, deixei de traballar na Deputación e estou liberado, con todo o tempo para centrarme en Vilasantar.

Que balance fai destes catro anos de goberno do PP?

Foron catro anos desperdiciados. Non hai ningún proxecto que teña certa entidade. E a situación económica na que deixan o Concello é desastrosa, o ano pasado tivemos uns ingresos de 1,8 millóns e temos un déficit de 400.000 euros. Esta situación é insostible. Un Concello pequeno con este tipo de déficit é imposible de manter. E a iso hai que sumar o procedemento contra o alcalde que iniciou o fiscal do Tribunal de Contas para que devolva os cartos do quilometraxe e das dietas, que considera non axustadas á dereito. Agardamos que o alcalde faga un exercicio de ética e devolva ese diñeiro antes das eleccións [cerca de 8.000 euros].

E que propón para mellorar a situación económica?

O primeiro, un plan de aforro que nos permita aos poucos ir superando esta situación. Ten que ser a longo prazo.

Vilasantar, como practicamente todos os concellos do rural, perde habitantes. Que propón o BNG para fixar poboación?

Vilasantar está a perder poboación a pasos axigantados. O que propoñemos é retomar o proxecto do polígono industrial. Co bipartito na Xunta había unha partida de 800.000 euros para iniciar o proceso. E tamén apostamos por facer un plan de vivenda. En Vilasantar hai moitísimas casas abandonadas, queremos poñer todas esas vivendas baleiras no mercado favorecendo a súa rehabilitación aproveitando os fondos europeos.

Que servizos botan en falta?

Temos unha poboación moi envellecida e hai que aumentar considerablemente as horas de axuda a domicilio. E nós comprometémonos a crear un centro sociocultural para as persoas maiores. Hai ungrave problema de soidade. Cada vez que vas polas casas, que vas repartir un boletín, a falar coa xente, ves unhas ganas de falar inmensas: están sós, en moitas casas a única visita que reciben ao cabo do día é a da persoa de axuda a domicilio. Temos que crear un centro comunitario dotado de medios. Todo o demais podería esperar, iso é fundamental, para as persoas maiores e para os coidadores, sobre todo mulleres, témolas que liberar a elas tamén de todo este traballo. E despois hai plans, como o do punto limpo, que parécenos interesante, pero preocúpanos que o PP pretenda investir 399.000 euros cando recoñeceu no pleno que non ten ningún estudo de viabilidade.