Entrevistas electorais aos candidatos de Cerceda

Pleno del Concello de Cerceda

Pleno del Concello de Cerceda / CARLOS PARDELLAS

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Juan Manuel Rodríguez - Alcalde de Cerceda e candidato polo PSOE

“A miña madurez política é maior hoxe, igual que a do meu equipo” “A permanencia do escudo tal e como está ten todo o sentido”

Juan Manuel Rodríguez

Juan Manuel Rodríguez

Como encara a súa primeira vez como cabeza de lista?

Nós afrontamos as eleccións con moitísima ilusión. Facémolo co balance do traballo feito nunhas circunstancias alleas á xestión municipal moi complicadas. Hai que ter en conta o peche da central, a pandemia e a suba dos prezos, que afectou particularmente ás administracións. Iso non impediu que seguiramos avanzando en infraestruturas e benestar social, e tamén abrir un escenario de cara a ser un epicentro da economía circular.

Que aprendeu neste tempo que leva gobernando en Cerceda?

É unha aprendizaxe multidimensional. A práctica do día a día apórtache moitas cosas. Asúmelas inconscientemente. Considero que foi moi completo, como non podería ser doutra maneira. A miña madurez política é maior hoxe, igual que a do meu equipo.

En que se diferenza do seu predecesor?

Hai un dito que di que o río vai polo mesmo leito pero non leva a mesma auga. A vida é unha combinación de permanencia é cambio. É de esperar que en certas cousas se manteña o proceder que había e, noutras, que vaia habendo modificacións. Incluso unha mesma persoa vai cambiando a súa maneira de facer as cousas.

Cal será a súa medida prioritaria se goberna?

A medida máis estrutural, que afecta aos ingresos do concello e, polo tanto, a todos os servizos que se poidan dar, é traballar en prol da transición ecolóxica con programas de formación que fomenten o emprego de cara ás enerxías limpas. É fundamental que haxa un goberno coas mans libres para facer que os recursos de Cerceda redunden en favor da veciñanza.

Cal é o futuro do emprego despois do peche da central?

Hai proxecto dunha planta de biodiésel que debería estar implantada no prazo dun ano. Está programada para 40 empregos. Da planta de hidróxeno verde anunciouse por parte do Instituto de Transición Xusta unha axuda de 15 millóns de euros para unha instalación na que se espera un nivel de 400 empregos directos, indirectos e inducidos.

Cambiará o escudo do concello para eliminar as torres da central?

Eu véxoo como algo anecdótico. Os escudos están cheos de referencias que hoxe en día non existen. A central está derrubada, e aínda así segue a ser unha parte da historia de Cerceda e da explicación que estamos a ver hoxe en día con respecto ás enerxías. Para min, a permanencia do escudo tal e como está ten todo o sentido.

Cerceda perde mocidade?

Desde que eu son alcalde, a poboación estase incrementando paseniño. Nos últimos tres anos gañamos 48 matrículas nas escolas infantís, algo que vai contracorrente da realidade galega.

Cal é o seu ideal dunha Cerceda mellor?

Somos un concello referente en infraestruturas, por encima do que cabe esperar polo noso peso demográfico. Somos referentes en benestar social e en emprego. Agora temos a oportunidade de medrar buscando o equilibrio.

David Lamas | Candidato polo PP

“En Cerceda non se ve reflectido o potencial que hai no día a día dos veciños”

David Lamas

David Lamas

Por que decidiu entrar en política como cabeza de lista?

Foi unha decisión de último momento. Nun principio non tiña pensado facelo. O partido en anos anteriores xa me pediran formar parte do equipo. Este ano, a insistencia da asociación de veciños, dado que o anterior candidato, Paco Santos, botábase a un lado, foi o motivo que me impulsou. Persoalmente, vexo que en Cerceda non se ve reflectido o potencial que hai no día a día dos veciños.

Que expectativas ten o seu partido para este domingo?

Traballamos con ilusión, as expectativas son boas. Formamos un equipo moi competitivo e con xente nova que ten experiencia no sector privado. Renovamos a catorce persoas na lista. Esperamos que acompañe o resultado.

Cal sería a súa primeira medida como alcalde?

O máis importante é o acercamento da administración aos veciños. Se gaño, empezarei a patear as aldeas e a poñerme en contacto cos veciños en primeira persoa para saber as necesidades que teñen.

Que equipamento precisa Cerceda con máis urxencia?

Cerceda está moi ben industrializado. Falta compensar toda esa industria con beneficios sociais. Non é normal que grandes empresas veñan a explotar a súa actividade, marchen co 100% do seu beneficio e que non quede nada nos veciños, que son os principais sufridores desta industria.

Como encara o emprego tras o peche da central de Meirama?

A central térmica pechouse hai uns meses polas políticas socialistas a nivel estatal. Foi un pau forte para o concello. Naturgy e outras grandes empresas seguirán na zona e aparecerán outras de enerxía verde. Traballo vai haber. O índice de paro está por debaixo do 10%.

Cal é o seu ideal dunha Cerceda mellor?

Eu teño un neno de catro anos, unha nena de sete semanas e un avó de 101 anos. A Cerceda ideal sería aquela na que eu como traballador ou como empresario, poida compaxinar a miña vida familiar coa profesional.

Alberte Sánchez | Candidato polo BNG

“O Concello é quen e ten cartos nos orzamenos para evitar a marcha da xente de Cerceda“

Alberte Sánchez

Alberte Sánchez

Como afronta a campaña?

Con optimismo. Agardamos superar os resultados de hai catro anos.

Ábrese unha oportunidade para o BNG este 28 de Maio?

Non sei se o é para o noso partido, pero si que é unha oportunidade para a xente de Cerceda. Cremos que pode haber un cambio no goberno actual. Significaría cambiar a política municipal, que é caduca e trasnoitada.

Que cambiou neste mandato en Cerceda?

A política non cambiou nada. Segue sendo a mesma que se aplicaba co señor García Liñares. En todo caso, xa desde o ano que acadaron a maioría absoluta, hai 36 anos, o Concello de Cerceda perdeu 2.421 habitantes, que é un 33% da poboación que había.

Que medidas propón frear perda de habitantes?

Facer un plan xeral de ordenación municipal é un piar chave para evitar a perda de poboación. E, ademais, facer unhas políticas que traten de frear a perda de poboación. Entendemos que o Concello é quen e ten cartos nos orzamentos para evitar a marcha da xente de Cerceda.

Pensa cambiar o escudo do concello?

O escudo do concello non é oficial. Podemos chamarlle un debuxo. O escudo oficial hai que pedirllo á comisión de heráldica galega. Nós unha vez na alcaldía faremos é pedir, se cadra, un escudo oficial, aínda que non é prioritario.

Cal é o seu ideal dunha Cerceda mellor?

Unha das cousas que fará o BNG será crear os consellos parroquiais, nos que os veciños e veciñas podamos decidir onde meter os cartos dos nosos orzamentos.