Cores e charlas para reflexar a natureza Xacobea

» As múltiples dimensións do Camiño protagonizaron a clase de oratoria do CPR Padre Míguez, con ideas e reflexións para plasmar a peregrinaxe

Cores e charlas para reflexar a natureza Xacobea

Cores e charlas para reflexar a natureza Xacobea

M.B

Bosquexada con pluma e ao contraluz do sol, unha moza equipada con mochila e bastón achégase por fin á Catedral de Santiago, pero ademais das clásicas frechas emblema do Camiño en todo o mundo, atopamos algo máis que nos chama a atención: está sinalizado aquilo que, malia non ser un monumento, debemos tratar de topar sempre na nosa andaina. 

Amor, aprendizaxe, relaxación, amizade… Todo isto significa o Camiño de Santiago para Noa Valle, alumna do colexio CPR Padre Míguez (Calasancias) e gañadora, xunto a súa compañeira María Pilar Viñas, do premio na categoría de Debuxo para 3º e 4º da ESO do certame Escola en Camiño. 

Ambas son alumnas da clase de Oratoria do centro, un grupo reducido de once mozos e mozas con “grandes dotes artísticas” ao que, cóntanos a súa mestra Cristina López, precisamente por iso lles propuxo participar no certame de Escola en Camiño. 

“Presentóusenos a posibilidade a través da biblioteca e pensei: ‘Por que non?”, describe López un proceso no que o primeiro paso foi, como non podía ser doutro xeito, o traballo oral: “Falamos do que representaba para eles o Camiño: que era, de onde partía, que opcións existían, como eran os peregrinos, se todo o mundo o vivía co mesmo fervor relixioso…”. 

Ducias de dimensións, en definitiva, que permiten traballar en distintas direccións cunha mesma temática e que converten ás rutas Xacobeas en protagonistas de centos de traballos cada ano para aprender habilidades como a propia oratoria ou as artes plásticas e desenvolver asemesmo a creatividade. 

Unha aposta que pode verse nos fermosos e significativos debuxos de Noa Valle e Pilar Viñas, elixidos pola súa mestra para presentarse a Escola en Camiño e distinguidos polo xurado pola súa capacidade á hora de representar e reflectir a natureza e o carácter do Camiño. Non é doado, pero elas lográrono!

[object Object][object Object]

Na clase de Oratoria do CPR Padre Míguez (Calasancias), cada alumno relacionaba o Camiño cunha cousa: houbo quen falou das excursións escolares, quen o fixo dos seus pais ou quen non tiña moita familiaridade coa experiencia peregrina… 

Deste xeito foron xurdindo distintas ideas sobre como plasmar esta vivencia en debuxos que realizaron con distintos materiais: plumas, ceras, rotuladores…e, por suposto, boas charlas. 

Sabía a súa mestra que o traballo artístico ía motivalos a pensar e debater: “Si, incluso me preguntaban: ‘Isto quedará ben?’, ‘e si fago isto outro? Estaban emocionados’”, confirma neste senso Cristina López, profesora de Lengua, Francés e Inglés no centro e ao fronte do grupo de Oratoria, que describe a ilusión ao gañar: “Sorprendéronse moito”.