Maxín e emocións por igual: A nosa literatura ten relevo!

» Do verso á prosa e chea de personalidade, a produción literaria do CPR Sagrada Familia entusiasmou ao xurado con doce de traballos de pura arte

Maxín e emocións por igual: A nosa literatura ten relevo!

Maxín e emocións por igual: A nosa literatura ten relevo!

M.B

Nin un, nin dous, nin tres. Senón ata unha ducia de traballos presentaron ao certame de Escola en Camiño os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria do CPR Sagrada Familia. 

Unha produción literaria en forma de poemas, relatos breves é mesmo artigos, que, non só por cantidade, senón tamén e sobre todo por calidade, ben mereceu un dos catro premios repartidos polo xurado do concurso na categoría de Literatura, ao que deixaron abraiado.  

Lectores, tedes que lelos por vós mesmos para entender que non esaxeramos cando falamos da habilidade literaria, en forma e fondo, destes pequenos escritores galegos, con pouco que envexar as mesmísimas Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán. 

E para mostra un botón (ou doce) porque se Antía Fernández empregaba o seu poema para describir en verso as rutas Xacobeas máis coñecidas; Candela Estévez aproveitaba estes mesmos escenarios para contarnos unha historia de amor; e Iván Bastón deleitábanos a todos con ‘Xoán e o camiño máxico’, unha fermosísima historia na que un grupo de irmáns vai a Santiago a pedirlle ao apóstolo que cure ao seu avó. E conségueno! 

“Había unha vez, un esquío chamado Antonio. Vivía en Londres, contento e feliz. Vivía nas árbores. Dábanlle de comer, e por iso estaba un pouco gordo”, deste xeito comeza, pola súa banda, ‘O esquío peregrino’, de Claudia Freijanes, unha historia na que o protagonista remata metido no peto dun neno para poder ver a Catedral de Santiago. 

A lista de traballos máis que salientables suma e segue da man de Gabriela Bermúdez, que nos conta todo o que temos que saber sobre o Camiño; Alessandra Padilla e Jana Calvar, que enfrascan de formas distintas, pero igualmente fermosas, a emoción da chegada a Santiago en versos moi ben escollidos; ou Alicia Ustinski, cun percorrido a través de Galicia, Francia e Italia para contarnos ‘O Camiño que cambiou a súa vida’.  

“A experiencia máis rara e inesquecible das súas vidas”

Tamén en verso, as propostas de Hugo Dios Besada; Sofía López Gandón e Xián Freire González cóntannos, cada unha a súa maneira, algunha das moitísimas curiosidades das vías Xacobeas, mentres que a súa compañeira Sofía Entenza decántase pola prosa para deixarnos sen fala coa súa imaxinación e converter o Camiño de Santiago nun…: Auténtico videoxogo! 

Faino baixo o título “O Portal” e velaquí vai só un anaco coma despedida a doce grande grandes historias: “Ó saír do portal viron a catedral espléndida e preciosa, e os catro choraron ata non poder máis. Pasaron dous anos. Leo e Julieta casaron e tiveron xemelgos. Mariña agora é unha cantante recoñecida mundialmente, e André conseguiu subir ó Everest. Todos son moi amigos, e xuntos tiveron a experiencia máis rara e inesquecible das súas vidas”. 

Esther García Bermúdez» mestra de lengua e lingua

“O Camiño esperta a súa curiosidade”

“Se este curso hai Escola en Camiño, volveremos participar”. Á hora de avalar unha experiencia, non hai adxectivo que se compare ás ganas de repetir. 

Esther García Bermúdez, mestra de Lengua e Lingua no CPR Sagrada Familia, conta que o “Camiño de Santiago esperta a curiosidade do alumnado” e que, por iso, este tipo de iniciativas logran a súa ilusión e implicación: “Ao final, seguen sendo nenos”. 

Deste xeito e cun dos maiores emblemas de Galicia coma fío condutor, García Bermúdez propuxo o curso pasado a 5º e 6 de EP facer unha busca de información a través de vídeos, folletos, páxinas web, etc; a partires da que xurdiu unha chuvia de ideas, primeiro; e despois, unha ampla produción literaria que contou para nota e que o alumnado puido escribir a súa maneira, tanto en verso como en prosa, escollendo o xénero que mellor se adaptaba a eles e lles permitía expresar as súas ideas e emocións. 

Un esforzo, tanto por parte do alumnado como da súa mestra,que entusiasmou ao xurado do certame, no que destacaron recollendo un dos catro galardóns da categoría de Literatura.