Un videoclip profesional para “Vivir e Soñar”

 » O CEIP Souto-Donas elaborou diferentes proxectos, pero houbo un en especial que conquistou ao xurado

Un videoclip profesional para “Vivir e Soñar”

Un videoclip profesional para “Vivir e Soñar”

C. M.

Ao longo de todo o curso, o CEIP Plurilingüe Souto-Donas desenvolveu o proxecto “O Camiño das Estrelas” como eixe vertebrador de todos os contidos traballados polo seu alumnado: “Dun xeito motivante coñeceron a historia e importancia do Camiño de Santiago” explican dende o centro.

Pero iso non é todo, senón que, ademais das actividades que foron realizando, o xurado de Escola en Camiño recibiu o videoclip “Camiño no camiño”, no que participou a totalidade do alumnado e o profesorado do centro.

“Esta actividade tan enriquecedora foi o colofón do noso Camiño, cunha grande implicación de nenas e nenos, grandes e pequenos, para a aprendizaxe da letra da canción, a memorización da melodía cos seus múltiples ensaios e, por último, a gravación final do videoclip” explican, mentres non somos capaces de apartar os ollos da pantalla:menuda marabilla!

Así é “Camiño no Camiño”, que comeza cantando: “Conta a lenda que a Santiago chegou...” mentres, entre o coro das voces dos pequenos, a música case celestial marca o ritmo. Na pantalla, imaxes en tonos terra dun Santiago que imita a época medieval, emulando a chegada do apóstol, pero desta vez dirixido ao grupo de nenos e nenas do CEIP Souto-Donas, a punto de iniciar o seu Camiño.

Xa están ataviados, levan bastóns, puchos e mochilas. De pronto o vídeo toma cor, a música cambia e os participantes no videoclip comezan a bailar a ritmo da melodía, moito máis rápida.

Vemos verdadeiras obras de arte performáticas: o alumnado do centro crea figuras para observar a vista de paxaro, reúnese en grupos para cantar “bo camiño!”en diferentes linguas oficiales (e en latín!) e non falta o acompañamento dos seus mestres, todos cunha cuncha colgada do pescozo.

Así os vemos partir no seu “Camiño no Camiño” mentres continúan cunha mensaxe clara:vivir e soñar. Iso é ao fin e ao cabo a verdadeira razón de ser desta experiencia. E tamén do proxecto de Escola en Camiño. Así, este centro, dende os máis cativos ata os maiores, recibe un Premio Especial que valora e celebra a súa orixinal proposta musical.