Vinte establementos de hostelería da Coruña elaboran desde este venres propostas inspiradas no receitario de Emilia Pardo Bazán. Son as II Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Centenario Dona Emilia, unha das iniciativas promovidas na cidade para conmemorar os cen anos da desaparición da homenaxeada.

O Hotel NH Collection Finisterre acolleu este venres a presentación das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Centenario Dona Emilia, un evento culinario que homenaxeará a Emilia Pardo Bazán a partir do seu receitario. No acto estivo presente o concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud.

 

Vinte establecementos da cidade da Coruña participan nesta proposta gastronómica, que se desenvolverá entre o 12 e o 30 de maio esta segunda edición das Xornadas Territorio Atlántico que nesta ocasión cambian o seu contido para ofrecer propostas inspiradas nas receitas doces e salgadas de Pardo Bazán na súa vertente máis galega. "Estas xornadas supoñen unha grande oportunidade para achegarnos figura de Dona Emilia desde un punto de vista gastronómico e actual", indicou Borrego.

 

Os establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas son Bido, Eclectic, El Rincón de Alba, Greca, Habaziro, o Hotel NH Collection Finisterre, La Taberna de Miga, La.Con.Fusión, Le Viandier, Malte, Mesón de Herves, Millo Orzán, Pablo Gallego Restaurante, Pandelino, Peculiar, Salitre, Taberna 5 Mares, Terreo, Veracruz Boutique Finisterre e Vinoteca Jaleo. Todos eles ofrecerán diferentes propostas, desde menús degustación a pratos ou sobremesas nas que tamén hai opcións veganas e aptas para celíacos. Ademais, durante os días que dure o evento, haberá sorteos nas redes sociais de Turismo da Coruña para que o público poida probar as receitas.

Visitas guiadas teatralizadas

Ademais, unido a estas Xornadas Gastronómicas, os xoves e venres de maio e xuño ofreceranse visitas guiadas de balde que levarán por título "La Marineda de Doña Emilia" e nas que se amosará como era a cidade hai un século. Para poder acudir é imprescindible a reserva no 654 560 814 ou no email donassenlleiras@gmail.com.

 

Hostalaría #PorElClima

Na liña da Política de Sostibilidade do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a norma UNE ISO 20121 de Xestión de Eventos Sostibles, este evento conta co apoio do proxecto Hostelería por el Clima, que conta coa colaboración de Coca Cola, a Fundación ECODES e Hostelería de España, e impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalaría e a súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030.

Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán foi novelista, narradora, ensaísta, poetisa, dramaturga, xornalista e ademais pioneira en reivindicar o valor cultural da gastronomía española. As Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Centenario Dona Emilia renden homenaxe a esta fascinante muller coruñesa que destacou tamén por ser unha gran afeccionada á cociña e publicou dous famosos receitarios: "La cocina española antigua" e "La cocina española moderna".