Detido un mozo de 19 anos acusado de matar o seu pai, de 59, na súa casa en Muros

O sospeitoso pediu axuda ao servizo de emerxencias 112 | Os veciños oíron golpes tres horas antes dos feitos | Afirmou que foran uns narcos os que atacaron o seu pai

Un axente da Garda Civil diante do portal do edificio de Esteiro onde se produciu o suceso. |   // TVG

Un axente da Garda Civil diante do portal do edificio de Esteiro onde se produciu o suceso. | // TVG / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A veciñanza de Esteiro e de todo o Concello de Muros ergueuse onte conmocionada ao coñecerse a tráxica morte de José Manuel Mayo, de 59 anos, presuntamente asasinado polo seu fillo, A. M. P, de 19 anos, que xa foi detido pola Garda Civil e a quen lle imputa un presunto delito de homicidio.

Os feitos aconteceron na noite do venres ao sábado na vivenda familiar, e foi o presunto agresor quen alertou ás 00.42 horas o 112 Emerxencias de Galicia solicitando asistencia para unha persoa ferida que precisaba ser atendida canto antes. De inmediato, foron mobilizados os equipos de Urxencias Sanitarias do 061, que desprazaron ata o lugar unha ambulancia, así como persoal sanitario do PAC de Muros, quen, a pesar dos seus esforzos, tan só puideron certificar a morte do home, ao tempo que prestaron asistencia tamén ao mozo que, ao parecer, presentaba unha ferida na faciana.

Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil de Negreira e, posteriormente, foron os axentes da Policía Xudicial de Noia os que se fixeron cargo das investigacións. Na mañá de onte estiveron rexistrando e tomando mostras no edificio no que residían tanto a vítima como o seu fillo, aínda que, segundo fontes da TVG, o falecido vivía no terceiro andar e o fillo no primeiro, onde tivo lugar o suceso.

Ao parecer algúns veciños xa escoitaran golpes na vivenda unhas tres horas antes e, despois diso, viron o mozo saír da casa cara a unha rúa lindeira e uns minutos máis tarde regresou, segundo divulgaron.

Desde o primeiro momento, os equipos sanitarios puideron certificar que se tratara dunha morte violenta, xa que o falecido presentaba múltiples feridas na cabeza e noutras partes do corpo, aínda que, polo momento, os investigadores non confirmaron oficialmente a arma coa que puido ser atacado.

Todo apunta a que se puido tratar dunha machada, un machete ou unha arma semellante. Ademais, a vivenda na que se produciron os feitos presentaba numerosos estragos no seu mobiliario. Inicialmente, o presunto homicida foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago para ser sometido a unha avaliación psicolóxica e para determinar tamén se podería estar afectado polo consumo de algún tipo de substancia estupefaciente.

Nun primeiro momento, segundo as primeiras investigacións, o mozo atribuíu o sucedido a uns narcotraficantes, que accederan á vivenda e agrediran o seu pai ata causarlle a morte. O corpo do falecido atopábase tendido na cociña e as primeiras pescudas apuntan a que puido ser atacado polas costas de forma sorpresiva.

A media mañá, a Garda Civil, despois das primeiras investigacións e probas recollidas no inmoble, confirmaba a detención do mozo como presunto autor do homicidio. A investigación segue aberta e a Policía Xudicial ultima os informes previos á posta a disposición xudicial do único detido.

A vítima, José Manuel Mayo, máis coñecido no pobo polo alcume O Peseta, estaba prexubilado desde hai uns anos pero durante moito tempo rexentou o establecemento hostaleiro A Chapa, que estaba situado na planta baixa do mesmo edificio no que residía.

“Un rapaz reservado e un pouco raro”

O presunto homicida, un mozo de tan só 19 anos, é, segundo sinalaron algúns veciños de Esteiro, “un rapaz moi reservado e un pouco raro”. Dixeron ademais que “non era a primeira vez que protagonizaba pelexas co pai”, un feito co que coinciden moitos dos que o coñecen, asegurando que a relación entre ambos non era moi boa. O mozo foi alumno do instituto de Muros aínda que, actualmente, segundo varias fontes, non estaba estudando nin tampouco tiña traballo. A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, afirmou que “é unha noticia terrible” e que a veciñanza do Concello estaba “moi consternada” por estes feitos. “É moi desagradable”, engadiu, “erguerse cunha nova coma esta”. Avogou, non obstante, por “deixar que os equipos de investigación fagan o seu labor para poder esclarecer canto antes o sucedido”. A través das redes sociais, o Concello cualificou o acontecido como “terrible nova”. No municipio agardan agora a que se poidan esclarecer o antes posible todo o sucedido e que se faga xustiza pola morte do seu veciño. Os labores de investigación seguen e o detido atópase nos calabozos do cuartel da Garda Civil de Boiro, segundo confirmaron fontes oficiais da Benemérita. Ata o momento descoñécese cando está previsto que pase a disposición xudicial para prestar declaración. Haberá que esperar a que a Policía Xudicial conclúa a investigación, despois das inspeccións levadas a cabo no lugar dos feitos. En todo caso, será antes de 72 horas.