José Ramón Gómez Besteiro | Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta

“A AP-9 é a columna vertebral de Galicia e a súa gratuidade está máis cerca”

“Podemos liderar o cambio fronte ó proxecto apático do PPdeG”

“Quero unha mensaxe moito máis galeguista para o PSdeG”E

“A amnistía non é unha cesión e Junts renuncia á unilateralidade”

José Ramón 
Gómez 
Besteiro, 
o venres 
en Vialia, 
en Vigo.   | // ALBA VILLAR

José Ramón Gómez Besteiro, o venres en Vialia, en Vigo. | // ALBA VILLAR / irene bascoy

irene bascoy

José Ramón Gómez Besteiro sae a por todas para as vindeiras eleccións autonómicas. Quere liderar a alternativa ó PPdeG, ao que ve cun proxecto “esgotado”, e di contar con apoio de Pedro Sánchez. Tras o acordo desta semana co BNG, adianta que virán “más iniciativas moi pensadas para Galicia”.

Foi proclamado candidato á Xunta o 18 de outubro. E as elección autonómicas poden ser en marzo e non se descarta que incluso antes. Non chega tarde a súa candidatura?

Chega no momento xusto, tras o verán, despois das elección xerais, e temos unha folla de ruta. En decembro, imos celebrar unha convención política. Fai tres semanas, celebramos un acto cos alcaldes e coa vicepresidenta Nadia Calviño, onde expusemos o noso ideario. E ata esta semana, estivemos traballando no acordo de investidura, onde hai moitas propostas para Galicia e virán máis, unha vez que se constitúa o novo goberno de Pedro Sánchez.

Máis iniciativas a favor de Galicia, cales?

Efectivamente, haberá máis. E haberá tempo de ir contando. O acordo desta semana marca o camiño cara a gratuidade da AP-9 e hai unha aposta por reforzar o autogoberno. E a partir de aí hai un itinerario. Ó acordo desta semana vanse sumar outras iniciativas do novo Goberno moi relacionadas e moi pensadas para Galicia.

Vostede fala de ir cara a gratuidade da AP-9, pero para cando.

Estamos cada vez máis cerca. Imos na dirección oposta ao PP, que quería que os galegos pagaramos o 100% das peaxes ata 2048.

A liberación de peaxes é unha medida moi agradecida. Contribuirá a unir moito máis Galicia. É unha medida moi importante. Esos 220 km que van de Ferrol a Tui son a columna vertebral de conexión de toda a Galicia. Por iso é importante liberar esos peaxes. Porque nos unen máis.

No último Comité Federal do PSOE, Pedro Sánchez dixo que vostede ía ter todo o apoio para chegar á Xunta, pero nas últimas eleccións xerais, o PSOE perdeu tres escanos en Galicia, o efecto Sánchez pode non ser tal aquí, non?

O compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia vaise intensificar nos próximos meses. E sobre todo hai un compromiso de axudar a Galicia dun xeito diferente, pensando na súa modernización, na súa reindustrialización, no desenrolo da intelixencia artificial, na transición ecolóxica. Galicia é unha terra de primeira, pero non ten unha Xunta de primeira, e eu quero trasladar aos galegos que somos quen de facer un goberno de primeira para Galicia.

E cales son as tres ideas claves do proxecto de Besteiro para Galicia?

A reindustrialización de Galicia, a transición enerxética e culminar o mapa de infraestructuras.

O AVE Vigo-Ourense, o Galicia-Oporto, a nova saída da A-55, … son proxectos que non avanzan. Centos de millóns de inversións paralizadas …

Estiveron paralizadas co Goberno de Rajoy, pero xa non. Están en estudio informativo, en exposición pública, … Non están máis avanzadas porque os Gobernos anteriores as meteron no caixón. Estase recuperando o tempo a marchas forzadas.

O novo ou nova ministra de Transportes acelerará esas inversións?

Non estou preocupado polo nome ou a orixe dos ministros. O importante é o compromiso do presidente do Goberno con Galicia, e ese témolo. Teño unha confianza cega en Pedro Sánchez.

A Galicia nos interesan sobre todo os compromisos dos Ministerios de Transportes, Economía, Industria, Transición Enérxetica e Agricultura e Pesca. Estou máis obsesionado cos compromisos que extraeremos deses ministerios que das persoas que vaian ocupar a súa titularidade.

Haberá ministros galegos no novo Goberno?

É unha decisión do presidente do Goberno.

Galicia pode ser a primera comunidade que vote tras os acordos de investidura, teme un voto castigo para o PSdeG polos acordos cos independentistas?

Non, porque non hai cesións. O acordo con Junts é público. Un acordo que, por certo, non di máis que continuaremos falando e dialogando. Un acordo co que o independentismo radical volve á senda constitucional de dialogar e de falar. Importante, o pacto di que o PSOE, non o Estado, vai dialogar con Junts. A cesión é que Junts xa non aposta pola pola unilateralidade. É un avance importante.

A amnistía non é unha cesión?

Non, a amnistía é un instrumento político ao servizo da política. A amnistía tamén foi un instrumento utilizado na transición. E o propio Goberno do PP impulsou unha amnistía fiscal para chourizos que ocultaban os seus bens á Facenda. A amnistía hai que vivila como algo normal. Os galegos verán que esa amnistía non é contra ninguén, senón a favor de solucionar un problema de convivencia.

Pois, as catro asociacións de xuíces do país coinciden en denunciar que con este pacto rompe a separación de poderes?

Penso que se apresuraron a facer unha interpretación non real dese acordo. Non vai haber unha comisión no Congreso dirixida a revisar sentencias xudiciais.

"Estamos moi orgullosos do acordo ao que chegamos por e para Galicia. Sete deputados do PSdeG lograron más para este país que a Xunta en catorce anos”. Teñen dito vostede e os seus compañeiros sobre o pacto do PSOE co BNG. Tal como o presentan, parece o pacto do PSdeG co PSOE, e que o BNG non pinta nada.

Eu estaba na comisión negociadora. Aritmeticamente non era necesario o voto do Bloque para a investidura de Pedro Sánchez, pero decidimos incorporalo porque ese acordo é bo para Galicia, frente a un PP apático, cun proxecto esgotado. Rueda vende estabilidade, pero tamén hai estabilidade nos cementerios e ninguén quere esa estabilidade. Hai que avanzar, creo nunha Galicia diferente, máis moderna, máis dinámica e enerxéticamente máis potente. Eu creo que podemos facelo dándolle a Galicia un novo Goberno que aproveite as oportunidades, que non confronte, que teña intelixencia co Estado. Mire o que pasou coa Lei do Litoral, agora no Constitucional. A propia Xunta non sabe nin a porcentaxe de lei suspendida. Eso crea inseguridade xurídica. É solucionable en poucos meses, se hai vontade de diálogo.

Para apartar a Alfonso Rueda de San Caetano, vostede e Ana Pontón teñen que entenderse, pero a firma do pacto esta semana evidencia a competencia por liderar a alternativa: o BNG bórrao da foto da sinatura, vostede insiste en que non eran necesarios?

Somos sete os deputados socialistas galegos no Congreso e non temos que renegar deso. Non penso no BNG, penso en que hai que ofrecerlle aos galegos unha alternativa ó proxecto esgotado, apático e sen rumbo do PPdeG, que non sabe actuar para mellorar a vida dos galegos. Hai unha posibilidade de cambio e penso que o PSdeG poder ser líder desde cambio.

O pacto con ERC fixa 15.000 millóns de condonación da débeda de Cataluña. Por que no pacto co Bloque non hai unha cifra?

Porque hai que establecer a fórmula que garanticen que a condonación trate por igual a todas as comunidades. Rueda tardou unha semana en mostrarse a favor. Pero bueno, que imos esperar se respaldou que os deputados galegos do PP votaran en contra do uso do galego no Congreso! Este é o Partido Popular de Galicia que cada vez é máis PP e menos Galicia.

“Non hai bicefalia no PSdeG, Formoso e máis eu somos o mesmo”

A evolución de Sumar pode alterar o mapa electoral de Galicia. A lista liderada por vostede o 23-X en Lugo perdeu un escano, e alí houbo 30.000 votos de BNG e Sumar que non se traduciron en deputados. Contempla unha coalición con Sumar para non desperdiciar votos?

Esa cuestión non está enriba da mesa. Evitar a perda de votos pódese facer tamén a través dun chamamento aos cidadáns para que voten con corazón e con cabeza. Apelando ao voto útil.

As bicefalias non teñen boa prensa. Ten pensado tomar as rendas do PSdeG?

Non hai bicefalia no PSdeG nin se vai dar porque sen esaxerar Valentín  (González Formoso) e máis eu somos o mesmo. Cando chegue o momento, analizaremos que facer.

Suceda o que suceda nas eleccións galegas do vindeiro ano vostede quedará? Dígoo porque o PSdeG é un partido falto de estabilidade. Dende a marcha de Emilio Pérez Touriño, xa houbo catro secretarios xerais, unha xestora, tres candidatos á Xunta…

Os socialistas galegos por primeira vez desde fai moito tempo estamos todos a unha.Estamos unidos para conseguir un cambio de goberno.

Cal é o seu proxecto para o PSdeG?

Dotalo da estabilidade e dotalo dunha mensaxe moito máis galeguista, deixando claro que a nosa prioridade é solucionar os problemas dos galegos. Queremos ser útiles a Galicia. Esa é a senda para ter máis respaldo popular e para chegar a gobernar Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo