Síguenos en redes sociales:

OLEIROS

Identifica e documenta un castro descoñecido en Oleiros

Samuel Nión presentou esta semana a Patrimonio o informe da prospección arqueolóxica deste xacemento que está preto da praia das Margaridas

Identifica e documenta un castro descoñecido en Oleirosi.r.

Un amigo de Samuel Nión que vive en Dorneda ao camiñar polo entorno dos cantís da praia das Margaridas pensou que había unha formación extrana. Contoullo a Nión e éste observou o lugar dende o Google Maps e visitou a zona, achegándose no posible xa que é prácticamente inaccesible, e xa inmediatamente a súa formación de arqueólogo lle revelou que alí había algo importante. Foi a finais de 2016. Solicitou permiso á Dirección Xeral de Patrimonio para realizar unha prospección arqueolóxica e esta semana xa enviou a este organismo da Xunta o informe completo da súa investigación, con planos, fotografías, imaxes en 3D e todo tipo de material que confirma a súa conclusión: aquí existiu un castro costeiro do que non se tiña noticia, estaba sen documentar.

Á esquerda da praia das Margaridas atópase este cantil que se adentra no mar, coa parte final prácticamente separada da terra. O que Samuel Nión atopou en terra foi "o foso e o parapeto típicos dun castro", tapados pola maleza, mentres que na parte que case é unha illa descrubriu unha enigmática estructura. "É unha especie de muro, de estructura de pedras en forma semicircular, algo sorprendente. É o que queda dalgunha estructura, pero despois de tantos anos e a acción do mar que aí bate tanto, é moi dificil adiviñar qué era. No vóo americano do 45 xa se aprecia ese amontoamento", conta este arqueólogo.

O difícil de investigar este xacemento arqueolóxico foi pola ubicación, pois só é accesible dende o mar en marea baixa, e con moi pouco tempo, polo que Nión tivo que facer moitas viaxes para analizar este descobrimento, nunha zona perigosa. "O perímetro do castro foise reducindo cos anos, é apreciable vendo imaxes aéreas antigas, foi caendo terra ao mar, é unha zona de xistos que se erosiona moito. Dende o aire vese moi ben a zona do foso e o parapeto. Tamén recollín materiais pero non son determinantes". A zona onde atopou este castro chámase Castelo Grande e enfronte está o illote Castelo. Este arqueólogo guíase moito pola tiponimia para localizar castros, e Castelo ven do latín castellum, diminutivo de castrum e que tamén significa zona fortificada.

Nión tamén botou man do Lídar, un dispositivo láser co que podes facer un mapa 3D. "Coas tecnoloxías e sabendo as tipoloxías de castros e a práctica, atópanse moi ben. Analicei outro sitio en Oleiros, Punta Torrella, que se dí que había un castro pero na miña opinión non o é, non ten a tipoloxía dun".

"Entreguei o informe a Patrimonio e tamén ao Concello de Oleiros para que cataloguen este castro. O que se debería facer é unha excavación na zona o antes posible, porque ao mellor, pola zona onde está, non dura moito. A intención é que sexa reconocido coma un castro e valorar se se pode intervir nel, facer una excavación arqueolóxica antes de que sexa tarde", afirma.

Samuel Nión, que tamén foi o primeiro en decatarse de que había un castro nunha illa do encoro de Cecebre (ainda que foi outro o que o documentou), vai a catalogaragora todos os lugares fortificados da provincia da Coruña, non só castros (tamén fortificacións medievais). Xa fixo o traballo preliminar e conta con que entre 17 e 25 elementos poden ser fortificacións. "En Oleiros o único castro que se excavou foi o de A Edreira, e porque lle pasaba por diante a vía ártrabra. O urbanismo moitas veces é o que descobre estos xacementos", apunta este arqueólogo que está facendo a tese sobre a Idade de Ferro.

Pulsa para ver más contenido para ti