La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Sementeira revive o seu fulgor ‘tradi’

O grupo tradicional da asociación cambresa reivindica o “pasado glorioso” e “descoñecido”, da asociación nese estilo e hoxe celebra un encontro con AMDT Queiroa e Azougue

Integrantes do Grupo Tradicional Sementeira de Cambre, xunto ao anfiteatro, o pasado outubro.

“Cando empezamos a traballar, reparamos en que Sementeira tiña un pasado detrás que era practicamente descoñecido, polo menos para min e o meu alumnado. É certo que cando empezas a falar, membros da directiva e veciños sabían que había un pasado glorioso tradicional de Sementeira”, explica o director do Grupo Tradicional Sementeira de Cambre profesor de gaita e percusión, Luís Bolón. Nacida en 2015 para que alumnos da escola tiveran ocasión de tocar en conxunto e presentada de xeito oficial en 2018, nun concerto no que a Banda de Música Sementeira, “o buque insignia”, exerceu de madriña, a formación “empezou a medrar bastante” e “ten unha planificación estable de traballo”, asegura. O grupo, con cerca dunha vintena de integrantes, celebra hoxe o VI Encontro de Grupos Tradicionais, xunto a AMDT de Sada y a Azouge, de Betanzos, no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo.

Foi na década dos 80 cando Sementeira despuntou na música tradicional. Chegou a organizar “un festival importante, con grupos importantes de toda Galicia e con músicos ou artesáns importantes no xurado”, conta o líder do grupo tras investigar a historia de Sementeira. “Queremos revivir aquela formación destacada de Sementeira, aínda que non só ollar ao pasado; o grupo ten un repertorio amplo para gaitas e percusións e traballa tamén cun repertorio actual e diferentes fontes e gaiteiros dentro da música tradicional. Pero a ollada ao pasado é bastante importante”, apunta o director. Como proba do valor que confire o grupo ao pasado, cita a homenaxe que organizou no 2019 a Xosé Casal, gaiteiro e artista.

O grupo anova o fulgor tradicional, que en Sementeira “comezou a esmorecer nos 90”, nutrido con alumnos da escola nun 80%, sinala Bolón. Rapaces de “12 a 24 anos” con ilusión por compartir música fóra das aulas garanten o futuro da tradición, tamén en Sementeira.

Compartir el artículo

stats