La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Cecebre, “terra de músicos”

Un concerto celebra hoxe os 125 anos da banda do Vello Barral e ‘banditas’ do século XX

Integrantes do grupo liderado por Lamas, nunha imaxe promocional. Pablo Pastor.

Cecebre é terra de músicos, iso está clarísimo dende hai moitas xeracións”, sostén o gaiteiro, saxofonista e investigador da parroquia Pedro Lamas. O artista e estudoso predica co exemplo e dirixe o espectáculo Música d’aldea, co que hoxe se celebran os 125 anos de A Música de Cecebre, “a primeira e máis famosa” das formacións ou “banditas” de instrumentos de vento-madeira e vento-metal que, a partir do século XIX, amenizaron bailes e festas e que deron “sona a Cecebre en toda a redonda moito antes de que Wenceslao Fernández Flórez coñecera a terra que inspirou O Bosque Animado, que é do que fala todo o mundo sempre que fala de Cecebre”, asegura Lamas. A festa que devolverá aos asistentes aos sons das “músicas” ou “murgas” do século pasado será ás 20.00 horas no campo da festa xunto á igrexa de San Salvador de Cecebre.

A homenaxe céntrase na “banda do Vello Barral”, como se bautizou á Música de Cecebre, aínda que Lamas esténdeo a todas as formacións que situaron a Cecebre durante décadas no mapa musical. “Conmemoramos os 125 anos de A Música do Vello Barral, pero realmente conmemoramos a vida musical tan exuberante que tivo Cecebre”, explica o artífice do proxecto. Constan no expediente dos músicos da parroquia fitos como que a banda da parroquia quedou segunda por diante da Coruña e detrás da de Ferrol no certame de murgas das festas de Betanzos de 1907 ou, en 1925, o primeiro premio á banda do Vello Barral e o segundo á dos seus fillos, no Concurso de Bandas de Músicas Rurais das festas da Coruña ,relata Lamas, quen destaca que en Cecebre hai “sagas familiares de músicos, como a dos Barral e a dos Moris, que chegaron ata os netos”.

A formación que hoxe toca en Cecebre estará integrada por sete músicos: gaita, clarinete, saxofón, trompeta, trombón, tuba e “o jaz ou jas”, como se referían na época á batería, cando comezaban a escoitar ese instrumento nas orquestras militares e se iniciaban no estilo que revolucionaba Amarica: o jazz.

O grupo que dirixe Lamas aproximarase á formación clásica das “músicas” da época, aínda que cunha peculiaridade: incorporará a gaita. “como recuperei toda a música sen facer distinción entre músicos de gaita ou tradicionais e músicos de orquestra, e xa que eu tamén represento iso como saxofonista e gaiteiro, pareceume interesante hibridar todo iso nunha formación”, explica o responsable.

A celebración contará con convidados como Xurxo Fernandes e a colaboración dos gaiteiros de Cecebre, ademais de “algunha sorpresiña” que Lamas prefire non desvelar. O repertorio abarcará composicións que tocaba a primeira formación do Vello Barral, das orquestras de Cecebre ao longo do tempo, de de compositores da parroquia como Lucas Moris.

Lamas incide na consideración de “oficio” que tiña a profesión de músico xa no século XVIII: “No catastro do Marqués de la Ensenada consta que, a 31 xullo de 1753, en Cecebre había 69 veciños, tres deles xastres, tres carpinteiros e un taberneiro. Dos tres xastres, Domingo Mandiá, o primeiro gaiteiro de Cecebre que figura con nome e apelido, era tamén músico de gaita e tiña ingresos pola ‘industria da gaita’, segundo as funcións que tivera, é dicir, que era regular pero non con ingresos fixos, pero estaba recollido, non era como o tratamento que se lle da agora: ‘ese toca a gaita’”.

Compartir el artículo

stats