O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura transfórmase este novembro no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sexta edición estrea un novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un grande escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, ao que neste ano atípico se accederá de maneira remota desde calquera punto do planeta.

O evento lanzou xa a plataforma en liña https://makerfairegalicia.com/gl na que as persoas interesadas poden rexistrarse de balde para asistir ao evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de novembro. Nesta plataforma, os e as visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás, convertido nun entorno virtual en 360 graos. Movéndose a través deste espazo, poderán interactuar con cada un dos expositores participantes, conectándose en directo cos e coas makerspara coñecer polo miúdo os seus proxectos. Desta forma convértese nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial que se celebra integramente a través de Internet.