O programa de coaching da Televisión de Galicia (TVG) Cuestións persoais, enfróntase unha semana tras outra cos problemas persoais e laborais de cidadáns que precisan de axuda. Na entrega de hoxe a coach Teresa Hernández afronta o caso dunha moza de Lalín, Vanessa, que con 33 anos precisa axuda para sacar a flote a súa vida.

Vanessa sufriu un fracaso amoroso, o que marcou a súa vida e a fixo entrar nunha fase anímica depresiva.Teresa axudará a protagonista a sacudir o compadecemento que a lastra para que poida recuperar de novo a enerxía e alegría que sempre a caracterizou.

Por outra banda, na entrega desta semana de Sopa de Festa, o programa achégase ata unha das celebracións gastronómicas máis multitudinarias do mes de decembro, a Festa do marisco do Barqueiro, no concello de Mañón. Unha celebración que os veciños da vila aproveitan para homenaxear os mariñeiros e mariscadores falecidos no mar.

O equipo do espazo amosaralles aos espectadores os mellores produtos que se extraen do mar nesta zona. Pero non todo serán degustacións. As cámaras da TVG recollerán tamén o ambiente e preparativos desta festa.

Ademáis, o programa diario A Revista estará, en directo, na vila lucense de Vilalba, onde se celebra a próxima semana a Feira do Capón. Desde o mércores ata o domingo os visitantes poderán aproveitar as xornadas gastronómicas para comprar produtos típicos da zona, como o queixo de San Simón ou os roscóns.