Noite de xoves, noite de Land Rober Tunai Show na Televisión de Galicia (TVG). Esta semana José Luís e José María, o dúo de Gorrillas interpretado por Roberto Vilar e Xosé A. Touriñán, acudirán a Primeiras Citas coa intención de atopar o amor. Nesta ocasión contarán coa colaboración dos actores galegos Will Shephard e Isabel Risco.

Os espectadores de espazo da canle autonómica tamén descubrirán a quen pertencen as historias máis vergonzosas do público no A quen lle pasou?.

Ademais, neste Land Rober Tunai Show, que estrea febreiro co mellor humor, Roberto Vilar, Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán terán que pasar por un dos momentos máis embarazosos da súa vida, xa que o equipo do programa entrará nas súas axendas de teléfono e calquera cousa pode saír de aí.

Por outra banda, o espazo Galicia Viva estará hoxe en directo en Xantar, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico. Ademais de propostas de menús, os reporteiros descubrirán en Ourense moitos produtos con selo galego, catas, maridaxes e showcookings en directo.

Doutro lado, o programa da TVG presentado por Susana López estará coa artesá Idioa Cuesta, que lles mostrará aos espectadores os seus deseños de bolsos e cestos contemporáneos feitos con diferentes materiais orgánicos e con diferentes técnicas artesanais.

Por último, o reporteiro Emilio Guillín visitará, como cada semana, unha vila galega para sorprender e petar na porta dalgún galego anónimo.

Entroido na 'Revista'

A Revista comezará o mes de febreiro co Entroido como protagonista destacado dos seus contidos. O programa estará hoxe en directo na Praza Maior de Ourense para asistir ao Xoves de Compadres, acto co que dá inicio esta celebración na cidade e en que participan arredor de 300 escolares dun total de sete centros educativos. Cos mecos confeccionados durante as últimas semanas, será a quenda de que as nenas saquen os compadres para seren perseguidos polos nenos. O xoves que vén serán as nenas as que persigan os nenos para intentar arrebatarlles as súas comadres. Ademais, os escolares gozarán dunha mañá chea de actividades de animación.

De volta no estudio de gravación, Sevi Martínez conversará co artista galego Álex Millet, que está presentando o seu álbum novo, titulado Experiencias. Un traballo discográfico no que pódense atopar en forma de cancións nove desas experiencias que toda persoa vive algunha vez ao longo da súa existencia.