O mundo do mar volverá a estar moi presente esta fin de semana coas emisións na Televisión de Galicia (TVG) dos espazos Caderno de bitácora (hoxe, ás 10.50 horas) e Náufragos (mañá, ás 11.50 horas), ámbolos dous escritos e dirixidos por X.L. Rivadulla Corcón.

Por unha banda, Caderno de bitácora mergúllase nos tres tipos de imaxes que compoñen a vida de Serxo Ces, as que falan da música, as que narran a súa vida percebelleiras, e as que mostran a tenrura dun home familiar. A música conforma o ser máis íntimo de Serxo e o mar dos percebes concédelle un xeito moi singular de entender a súa vida. E a familia é a parte máis sentimental, a que da forma a un ser sensible e moi agarimoso.

Serxo sempre sabe mirar a vida con boa cara, facendo que resalte o humor, para esvaer o sentimento de tristura, pero este existe. Despois do accidente, cando tivo que deixar o oficio, o percebelleiro deixaba voar o seu pensamento a carón dos compañeiro que navegan cara os acantilados de Punta Candieira. Pero este positivismo esta no adn deste home entrañable e moi sentimental.

Por outra banda, Náufragos lembrará mañá o suceso do Madre Antonia, barco con base no porto de Muros que, o 25 de marzo de 2021, faenaba nos baixos de Os Meixidos, fóra da ría, fronte a punta Insua. Entón, dous golpes de mar que chegaron con diferencia de poucos segundos o afundiron.

O patrón David Otero dispuxo do tempo xusto para avisar a salvamento marítimo e abandonar o pesqueiro xunto co outro tripulante, Juan Carlos Lagos. Ambos foron rescatados polo helicóptero de salvamento. A súa historia será a base do capítulo 36 da serie documental.