O programa A porta aberta, que emite hoxe a TVG2 ás 21.30 horas, adica cada capítulo a unha asociación ou entidade, tratando de abarcar todos os sectores da sociedade galega. Hoxe é a quenda da Agrupación Astronómica Rías Baixas, e o presentador X. H. Rivadulla Corcón falará co seu presidente Francisco Novoa, co vicepresidente Pablo Martínez, coa fundadora Marisol González e cos socios Carmen Norniella e Julio Pereira.

Na Agrupación Astronómica Rías Baixas xúntanse para observar o firmamento, estudalo e comprendelo. Os membros da Agrupación Astronómica buscan na bóveda celeste coñecemento pero tamén beleza. O ceo estrelado, ou a contemplación do Sol, aportan unha forma de beleza, e sen dúbida, constrúen harmonía interior no observador. É unha actividade que reporta moitos beneficios, tamén o contacto coa natureza, e fomenta a relación humana. Os segredos do universo, aínda con ser segredos, inflúen nas súas vidas.

As actividades da Agrupación Astronómica son unha forma de practicar ciencia, de achegarse á observación científica. Os membros da Agrupación non as realizan exclusivamente como ocio, é evidente que lles proporciona unha formación persoal, nun campo científico pero que transcende á formación xeral como persoa. É sen dúbida unha actividade de carácter cultural.

Cada membro da Agrupación sacará as súas conclusións sobre a observación do universo. Non sabemos que respostas íntimas acadan, ou que preguntas novas van nacendo en cada un, pero si sabemos que así foi e seguirá sendo a viaxe da humanidade. Somos a única especie sobre o planeta Terra que se pregunta que hai no ceo, por que é así e que ten que ver coa nosa existencia o que pasa alá arriba. E a dar forma a todo isto contribúen os socios da Agrupación Astronómica Rías Baixas, tal como amosa este programa de Producións Celta para a TVG.