A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) é a protagonista do programa de hoxe de A porta aberta. Baixo o título Crear a alma do barco, a produción adianta a súa emisión media hora polo que a TVG2 pasará o capítulo ás 21.00 horas. Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, os espectadores poderán coñecer as actividades que desenvolve o colectivo así como parte da súa historia e filosofía. Para elo, o programa conta coa participación de varios carpinteiros de ribeira. Son Ramón Collazo, presidente de Agalcari; Gerardo Triñanes, vocal do colectivo e o seu primeiro presidente; José Garrido, vicepresidente de Agalcari; e Francisco Fra, vogal da asociación.

Galicia é o centro mundial das carpinterías de ribeira. Historicamente foino e a día de hoxe é a comunidade onde se concentra o maior número de carpinteiros construíndo barcos. Os barcos son as pezas centrais na cultura do mar, e esta cultura é unha das grandes aportacións de Galicia ao resto do mundo. Traballando na continuidade deste oficio, cun alto valor identitario, traballase na Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.

Estes profesionais defenden o seu oficio, defenden, polo tanto, o que son. Pero tamén, e sobre todo, defenden a unha colectividade, a un pobo que posúe sabedoría e a usa para o progreso. Eles son os gardiáns da esencia da construción dos barcos de madeira e traballan porque o oficio siga vivo na Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.

Así, os invitados porán de manifesto a importancia de manter un oficio ancestral que o mundo segue a necesitar xa que forma parte da cultura universal. Deste xeito, os televidentes aprenderán que nos barcos de madeira se creou unha parte esencial da civilización.