Coa luz do corazón chega hoxe ó seu cuarto capítulo (19.45 horas, TVG) no que a protagonista, Corina Mañá, tras pilotar unha avioneta, aprender técnicas de supervivencia e afrontar o reto de aprender a tocar a arpa, emprende o desafío da escalada. Realizado por Producións Celta para a canle autonómica, nesta ocasión esta moza viguesa cega de nacemento contará coa axuda do escalador Raúl Refojos, que convida a Corina a realizar o seu primeiro ascenso por unha parede nas instalacións dun rocódromo vigués.

Así, na emisión titulada Paseando polas alturas, Corina enfróntase a un difícil desafío: gabear por una parede buscando a forma de intuir os agarres que non pode ver. Antes diso, Raúl Refojos ensina á moza as instalacións do rocódromo, os distintos tipos de paredes dispoñibles para a escalada, unha actividade para a que contarán coa axuda de Joel Rodríguez, monitor da instalación.

O primeiro paso é aprender as nocións básicas da actividade nunha parede de iniciación. Nela Corina descubre a complexidade deste deporte, pero, lonxe de tirar a toalla e cun “sempre para a diante” na mente atopa a forma de intuír a situación dos agarres, consegue escalar por esta parede de iniciación e non dubida en lanzarse a probar nun percorrido máis esixente.

Joel leva a Corina fronte unha parede que está inclinada, e polo tanto xa con complicacións. Alí atopan escalando a Jorge Cayetano, un experto escalador, que vai tamén a darlle consellos a Corina de como realizar a escalada nesa parede. Na nova parede, con esforzo e seguindo os consellos de Joel e Jorge, Corina pode chegar ata o punto máis alto, polo que ela se entusiasma e quere máis. Joel e Jorge propóñenlle intentar unha parede sen a seguridade do arnés, e Corina non dubida en atreverse. Este capítulo remata cunha entrevista do presentador e director, X. H. Rivadulla Corcón, a Corina Mañá, onde conta como viviu a experiencia da escalada.