Traes unha cantiga? chega o próximo mércores (TVG, 22.00 horas) a Marín no seu periplo pola xeografía galega en busca dos cantos de taberna máis populares do país. Como cada semana, tres agrupacións presentarán na localidade pontevedresa as súas propostas ante o xurado do programa, que escollerá unha delas para que entre a formar parte do listado de éxitos do programa.

O espazo, de Producións Celta, está presentado por Noelia Rey e conta con dous expertos que valoran as pezas musicais interpretadas en cada emisión, a cantante Sheila Patricia e Alfredo Dourado, integrante do grupo A Roda. Canda eles, esta semana sentarase na mesa do xurado Xurxo Fernandes, destacado estudoso da música tradicional galega que ten formado parte de grupos como Radio Cos.

O escenario das actuacións desta terceira entrega será a taberna marinense Polymnia, onde os grupos participantes contribuirán a poñer en valor as voces mariñeiras na música tradicional galega.

A primeira das formacións en facer a súa interpretación será Saljariteiros, agrupación nacida no 2011 e coñecida por organizar o certamen anual de cantos de taberna de Marín. O grupo naceu froito do interese pola difusión e conservación do noso patrimonio cultural inmaterial, e da inquedanza musical dun grupo de amigos, homes e mulleres de diferentes idades das comarcas do Morrazo e Pontevedra.

Comprometidos coa divulgación do patrimonio cultural e defensa da lingua, veñen colaborando con diversos colectivos e asociacións culturais na recuperación de tradicións, amenizando conferencias e diversos actos, colaborando en obradoiros e actividades didácticas vinculadas coa música, sempre dunha maneira lúdica-festiva en prol do divertimento das persoas adultas e da sensibilización das novas xeracións, para que coñezan e poñan en valor o noso rico folclore.

O grupo conta con 11 compoñentes, e a instrumentación está composta por acordeón, percusión tradicional e voces. Participan no programa co tema O paraugas do Xosé. Canción que popularizou a Charanga de Cuco de Velle, de Ourense, que é o grupo de cantos de taberna con maior prestixio e repercusión da música de taberna de Galicia.

A seguir actuará o grupo de pandeireteiras Fentos e Frouma, nacido hai 22 anos dentro dunha agrupación tradicional máis ampla, que xa levaba daquela uns 18 anos de traxectoria na parroquia de San Xulián en Marín. Defínense como un grupo moi familiar, xa que teñen participado moitas familias ao completo ou con varios dos seus membros. Na actualidade a formación está composta por sete pandeireteiras. Foron o primeiro grupo que fixo cantos de taberna en Marín, pola festa de San Xosé de Cantodarea. Actúan en moitos dos eventos musicais que se celebran en Marín e tamén asisten a certames e concursos en moitas vilas galegas e en Portugal.

Participan co tema Maneo de Imende, que elas rebautizaron co título Pepe. Esta peza é de enorme interese histórico para a música galega, porque se trata dunha das pezas máis antigas que se coñece, recollida no lugar de Imende, no Concello de Carballo.

Cantareir@s de Marín completa a terna de participantes. O grupo xorde por iniciativa do gaiteiro de Marín Antonio Abal. É un grupo moi numeroso, formado por 25 persoas, pero a formación que presentan no programa componse de 10 mulleres e 5 homes. Interpretan para o programa o tema Foliada da lúa, tema popularizado polo grupo Os Melidaos.