O programa Traes unha cantiga? segue o próximo mércores (TVG, ás 22.00 horas) o seu percorrido pola xeografía galega en busca dos cantos de taberna máis populares do país. Santiago de Compostela será a quinta parada deste espazo, realizado por Producións Celta, que presenta Noelia Rey e conta cun xurado de expertos que integran a cantante Sheila Patricia e o musico Alfredo Dourado, membro de A Roda.

Tres agrupacións, procedentes do Sar e de Villestro, interpretarán as súas propostas no programa, que terá como escenario a taberna O Garigolo, situado na rúa Algalia de Arriba, preto da catedral. Entre elas, o xurado tomará unha decisión asesorado pola madriña da semana, a cantante Fátima Prego, unha das voces máis destacadas da música das orquestras e gran coñecedora das cantigas tradicionais.

A primeira canción a concurso será A vaca marela, un tema de letra humorística e ritmo animado que convida ao baile. Os encargados de darlle voz son los cinco integrantes de Cantamadeira, un grupo de música tradicional que ten participado en moitos certames de cantos de taberna dende o ano 2009, cando se coñeceron mentres participaban nas foliadas do bar Calpe en Santiago de Compostela.

Botaron varios anos tocando todos os sábados no Café Literarios, pero a raíz da pandemia non volveron a organizarse actos no local. Eles comentan: “Naquela época non ensaiabamos nada, o ensaio era tocar no Literarios”. A instrumentación que utilizan é acordeón, percusión tradicional e voces.

A continuación actuará a Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, fundada no ano 1980 no barrio do Sar cos obxectivos de difundir a música e o folclore galegos, formar e perfeccionar a sensibilidade artística e musical dos seus membros e contribuír ao desenvolvemento cultural do barrio. A agrupación sempre tivo a preocupación de amosar sobre o escenario un traballo de calidade no que á música e á danza tradicional respecta. Son conscientes de que agrupacións como a súa son os principais mecanismos de transmisión que existen na actualidade para que o folclore galego sobreviva ao longo das xeracións.

Tamén contan cun grupo que fai cantos de taberna, buscando que estes cantos sexan fieis a tradición musical de Galicia. Na súa instrumentación contan con gaitas, percusión tradicional, clarinete e voces. A cantiga que escolleron para o programa da TVG é unha das máis populares da tradición galega Apaga o candil, popularizada polo músico e humorista Carlos Díaz, O Xestal.

A terceira proposta chega da man de Devagariño, defensores da cultura da taberna, que moldea a nosa forma de entender o lecer, de socializar e mesmo de empatizar. O grupo xorde na compostelán parroquia de Villestro, e os seus compoñentes, que veñen de diferentes xeracións, coñecéronse nas tabernas, e algúns nelas colleron o gusto pola música.

Como nome do grupo escollemos a fermosa palabra Devagariño, que transmite os valores de acougo, do traballo executado lentamente aínda que de xeito constante, da maneira de tratar docemente o noso folclore. En troques aos novos tempos da inmediatez, do instantáneo, do fuxe fuxe.

O grupo Devagariño é unha formación ao uso de música tradicional, gaitas, requinta e percusión, combinado con acordeón e clarinete para os cantos de taberna.

Para a ocasión escolleron o Valse do Amor, popularizada por Radio Cos, grupo que visibilizou a música tradicional con numerosas recolleitas nun arduo traballo de investigación de campo. Din que con esta peza queren homenaxear a toda a xente que garda a memoria da música galega.