Está a NASA preocupada polo que poida ocorrer en Galicia co aumento nivel do mar?

Rotundamente, si. Hai zonas do mundo, como as Illas Fiji, que xa están a desaparecer e agora mesmo a atención está posta alí, pero Benjamin Hamlington, experto da Axencia Espacial Norteamericana, advertiunos que toda a costa galega quedará afectada pola suba do nivel do mar de aquí ao próximo século.

Qué datos manexa a NASA?

As súas proxeccións son que nos próximos 100 anos o nivel do mar suba arredor dun metro na costa galega. Máis concretamente, para 2150 as cifras que dan son dunha suba de 1,23 metros en Vilagarcía de Arousa, 1,22 metros na Coruña e 1,09 en Vigo. Isto é para un escenario que eles chaman de “confianza media”, que ten en conta unha suba moderada da temperatura do aire a nivel global.

Quere dicir que estes datos poderían variar?

Si, se a temperatura do aire n o planeta, que é unha das principais causas de que medre o nivel do mar, continúa aumentando máis do previsto, o nivel subirá aínda máis.

Que consecuencias vai traer isto en Galicia?

Hamlington fala de que o impacto dos temporais será moito maior, xa que cun nivel do mar máis elevado, as mareas serán moito máis altas. Veremos moitas zonas anegadas. A praia de Samil e outras tantas coma o Vao ou a de Rodas, nas Illas Cíes, tamén se estiman que desaparezan nun prazo non moi lonxe de tempo.

Só pasará isto en Vigo?

Tamen se verán afectadas, sobre todo, Vilagarcía de Arousa, onde se estima que a praia de Compostela quede asolagada, ou A Coruña, onde tamén corren perigo os areais de Riazor e o Orzán.

Que foi o que máis lle impactou do que sostén Benjamin Hamlington?

Sen dúbida, que vai ser un impacto global, é dicir, que a suba do nivel do mar vainos afectar a todos. En primeiro lugar, ás poboacións costeiras e ás actividades que se desenvolven nelas. Non falamos únicamente de ocio, como pode ser ir á praia, senón tamén de actividades económicas como as que se desenvolven nos portos. E ademais, tamén podería afectar á produción agroalimentaria por mor da salinización dos acuíferos.

Hai algunha solución posible?

Dende a NASA insisten en que a única solución posible é deter o quentamento global. É un problema de todos e a solución tamén está na man de todos. Hamlington cre que como cidadáns temos a obriga de esixirlle aos nosos gobernantes que cheguen a acordos para atallar este problema.

‘Nin o imaxinas’ pode axudar a concienciar aos galegos e previlos de posibles catástrofes ou de posibles acontecementos no medio natural?

Oxalá lles faga pensar, e o que é máis importante, lles incite a pasar á acción. Creo que non somos conscientes do problema tan grave que temos enriba. Necesitamos poñerlle freo e actuar pronto e de forma contundente.