Aquenlla é unha canle, a gabia , a acea pola que flúe a auga pro muíño ou pro rego dos lameiros. A quenlla tamén é un peixe voraz e temido... mais este non é o caso. Ben sabemos que a nosa A Quenlla é un grupo musical, con zume de terra e celme de tradición galegas que diría Castelao, coa suma de ansias rebeldes de anovación. Animado por Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, mellor Mini e Mero: portadores no seu fardel de trobeiros xenerosos dos ventos e da luz da labarada irmandiña, dos versos, a música, as penas e as ledicias de Galiza. Non é nada novo este musicar Historias de negacións, xa o veñen facendo dende que eran parte esencial de Fuxan os ventos, os que lle puxeron banda sonora a un tempo noso, esperanzado, enxalzando versos de poetas. En todo caso a Quenlla é símbolo nutricio de vida , trincheira e resistencia

E os Irmandiños son a familia, os camaradas, os que comparten o sangue dos ideais. Irmáns chamábanse entre si os vellos galeguistas. Un xeito de honrar á liberdade e de perpetuar a memoria. Foron campesiños, xentes do común, os que pola metade do século XV se rebelaron contra os señores encastelados, amos de todo e da inxustiza. E como sempre, a río revolto, traicións, felonías e ganancia de pescadores: o trunfo de Isabel e Fernando, do El Imperio hacia Dios. Sempre usando ó pobo e a deus para as comenencias. E tamén o fixeron os Irmandiños: Deus fratesque Gallaecia, agardando unha xustiza divina que non era terreal.

Non é cousa de noutronte: Galiza foi e sigue sendo berce de intempestivos caudillos, de vasallos para causas alleas, cousa común nos pobos colonizados, os que dan os guerreiros e os capataces máis feroces cos da súa mesma caste. Presumimos do Breogán caudillo que conquistou as illas do extremo occidente atlántico e que levou consigo a Pedra do Destino, sobre a que se coroaban os monarcas, ao menos iso recollen as lendas das nacións celtas? caudillos guiaban aos invasores señores, herdeiros dos celtas centroeuropeos, os que organizaron administrativamente o territorio da súa Suevia no Parriochale suevorum, para sementar eidos de xerarquías, casta e rango, poñendo a calquera deus do seu bando, aristoteocracia, criando na pobreza e na ignorancia aos servos. Galiza faise niño de corvos, berce das antigas fidalguías, consolidadas logo arredor das reliquias do Apóstolo e das catedrais. Cabaleiros de espada e cruz, capaces de facer, a súa imaxe e semellanza, do pacífico ícono dun petrucio Apóstolo pescador, un cruel cabaleiro espadachín, matamouros ou mataindios . Moscosos das terras de Soneira, Sarmientos dos ribeiros de Miño e Avia, Ulloas do Ulla, Zúñigas de Monterrei, Osorios de Lemos, Andrade das Mariñas, Soutomaior de Pontevedra? Tramas familiares de poder. Non había bisbarra e camiños que non estivesen baixo o control das súas vixiantes torres. Escenarios de enguedelladas liortas entre uns e os outros, entremetendo a deus e ós santos dos templos e dos mosteiros. E os submisos labregos sometidos a dereitos de pasaxe, peaxe, de pernada, de loitosa, de vasallaxe dos seus señores. Ate que polo 1430, o despeitado fidalgo Roi Xordo das Mariñas acende a lumeirada popular, créase a Irmandade da Fusquenlla contra os abusos dos seus competidores Andrade. Labregos e artesáns, precursores do Che, dende a montaña ao mar, empuñan as fouciñas, as forquetas, os sachos e os fachóns de lume, perden o medo e acométenlle ás torres e aos seus señores. A labarada propágase e medra trinta anos despois coa Grande Revolta Irmandiña, na que outro fidalgo, ao servizo do Rei Enrique IV, Alonso de Lanzós, toma a iniciativa. O reino de Galiza e de León eran punta de lanza, contubernio de conquistas por toda a península, matriz da independencia de Portugal, abusando de famentos vasallos, guiados por señores ansiosos de cabalo, escudo, torre e poder. Dialéctica esclavos-amos, oprimidos-opresores, sarnoso andazo de señores alcumados bos contra maos, arrastrando vasallos contra irmáns. As casas galegas dos Andrade, dos Sarmiento e sobre todo o enigmático Pedro Madruga de Soutomaior pasan á Historia pola súa crueldade: moitas torres son derruídas ou demoucadas, señores, abades escarnecidos. Guerra Civil pola que campan os Catro Cabalos do Apocalipse. Pedro da Ponte conta esa historia, e os documentos da época tamén o deixan ver, entre eles o preito Tavera-Fonseca, litixios que abre portas a estudos que fenden mitos referentes a comenenciudos señores. Enrique IV, eslavón, da poderosa estirpe galega dos Trastámara, usa a arma da calumnia: pon en dúbida a paternidade da descendente tida con Xoana de Portugal, Xoana, esta esposada con Alfonso V de Portugal, dicindo que era filla do fidalgo servidor Beltrán de la Cueva (daí o nome Beltranexa). Así é que ante os touros de Guisando, ábrenselle as portas sucesorias á media irmán de Enrique, Isabel. Esperanzas de Galiza e Portugal ficaron frustradas. Deseguida argállase o matrimonio con Fernando e á constitución dun Imperio que ten como enseña a aguia , o xugo e as frechas. A esa Historia, a que tamén fan os vencedores, chámanlle a Modernidade. Os novos estudos van superando aos necesarios anecdotarios de Vicetto, Murguía, Risco ou Vitoria Fernández España. Moito lle debemos ás investigacións de Carlos Barros, de Celia Devia e especialmente aos de Anselmo López Carrera. Sen perder a óptica marxista comprobamos como a explotación feudal está entre o modo de produción primitivo -coa persistencia do esclavismo- e o capitalismo contemporáneo.

A esta parte da espiral da Historia ponlle música de fondo A Quen- lla. Os que en épocas de devaluacións ofrécennos a pureza do seu ouro contrastado, lealdade de décadas. Iniciativa enraizada no 1995 nun encontro arredor de Alfonso Blanco Torrado, en Guitiriz, no Festival da Música e da Arte de Pardiñas, e co poeta Manuel María, pra dar orixe a uns versos didácticos, feitos para musicar: a Historia Compacta do Reino de Galicia, para seguir o ronsel da obra teatral Unha vez foi o trebón. Anóvase e mellórase a tradición bárdica, céltica, trobadoresca, epopeica de Pondal e Cabanillas, detrás o roncón alboreiro da esperanza e os sons dos pandeiros da solidariedade.

Historia da que tomar nota neste mundo dos señores das finanzas e das guerras, nesta Europa de neocondotieros, que teledirixe a produción, gandeira, o leite, a pesca, o viño... noutrora encoros, agora novas fontes enerxéticas para beneficio dalgúns, impostos, burocracias, novos ricos, liturxias... A mocidade de Galiza, non protesta, emigra, sigue a servir nas plataformas do Mar do Norte, sobre as estadas dos rañaceos de Singapur, en Australia, nos campos de batalla de Afganistán? Alemaña reclama man de obra e alá volven os descendentes dos suevos. Namentres se debate como se administran e dende que bancos os cartos das Caixas Galegas e se erguen no aire outras torres de soberbia pra cultura espectáculo.

A Irmandade Manuel María da Terra Cha, ofrece este cd da Quenlla, son da resistencia, dos "bos e xenerosos que non dan a esquecemento?"